Coas agresións que vimos vivindo nos últimos tempos, non é hora de calma nin falsos consensos. Tampouco na lingua. A harmonía non existe nin na falacia bilingüista que nos vendía o fraguismo nin no pseudo plurilingüismo acuñado por Feijoo. É hora de retomarmos respostas contundentes, como a que o nacionalismo popular deu a Galicia Bilingüe en febreiro de 2009.
O Partido Popular, ademais de darlle altofalantes a eses grupúsculos, alimentou o peche de medios de comunicación en galego, máis dunha ducia de Servizos de Normalización Lingüística, a redución da presenza do idioma no ensino e un longo etcétera de agresións que ilustra perfectamente a nova edil de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela presentándose aos medios en castelán. Esa é a forma que ten este goberno de destruir o valor máis importante do pobo galego, actuando como un virreinato colonial que condea ao appartheid os nosos sinais de identidade e a nosa cultura.
Normalizar alá onde esteamos
O nacionalismo, en bloque, pode pórlles freo. Para o BNG, a defensa da lingua é un principio irrenunciábel. Non caeremos na trampa de “dulcificar” o discurso por mor de presións galegófobas magnificadas por intereses mediáticos. Hai conflito lingüístico e nel nós temos un papel claro: defender a normalización lingüística alá onde esteamos, nas institucións e, sobre todo, na rúa.
A harmonía non existe nin na falacia bilingüista que nos vendía o fraguismo nin no pseudo plurilingüismo acuñado por Feijoo.
Achégase o 17 de maio, data á que as e os nacionalistas poñemos sempre unha impronta reivindicativa, para evidenciar unha anormalidade e unha discriminación, unha imposición e unha inxustiza que se dá nun estado de cousas no que a lingua allea ten supremacía sobre a propia; defendendo o idioma como facemos todos os días. Desde o BNG temos un compromiso coa lingua e co país que non comeza nin remata nesa data, empregada por outros sectores para lavar a cara, por iso non imos baixar a garda e continuaremos na disposición de lotiar polo futuro da nosa lingua nunha Galiza soberana, dona de seu e, por tanto, que protexa e se sinta orgullosa da súa lingua propia. En bloque, podemos!