O BNG presenta emendas aos orzamentos do concello para o 2011
O Portavoz Municipal do BNG, Xoán Manuel Sande
A proposta que presenta o Partido Popular é absolutamente continuista, e amosa a falla total de iniciativa deste goberno municipal que non aborda a situación de crise económica e desemprego. Nin unha soa iniciativa do goberno municipal do P.P. para tratar de minimizar os efectos deste crise sobre os veciños e veciñas da Laracha. A única iniciativa do Partido Popular respecto ao comercio da Laracha foi ameazar con multar a aqueles que incumpran a ordenanza no reparto da publicidade. Os orzamentos que presenta o grupo de goberno non teñen nada de austero, non se reducen os gastos en publicidade e propaganda, increméntanse algúns gastos xenéricos en partidas para dispoñer discrecionalmente delas (34.000 euros máis para "outros gastos diversos"), increméntase a partida para gastos de locomoción dos membros do goberno (10.000 euros máis). Acaso pode presumir de austero un goberno municipal con 5 dos seus membros con adicación exclusiva, máis outros 2 asesores con soldo, en total 7 persoas con soldo adicadas a gobernar un concello de 11.000 habitantes?
As propostas do BNG pretenden facer un orzamento máis xusto, máis social, máis solidario e con iniciativas contra a crise e o paroDesde o BNG tomamos a inciativa de presentar algunhas emendas que tratan de mellorar este orzamento, reducindo algunhas destas partidas de propaganda, gastos diversos, dietas, e tamén eliminando un posto que está ocupado por un cargo político, por unha ex-concelleira do Partido Popular, á que se lle teñen asignado funcións que non corresponden a un cargo político senón ao persoal funcionario ao servizo da administración (non ao servizo do grupo de goberno). Referímonos ao posto denominado "Coordinadora de subvencións", que ocupa a ex-concelleira do P.P. Mª Carmen Pose Taibo, e que nos custa a todas as larachesas e todos os laracheses máis de 23.000 euros ao ano. Demandamos que se supriman estas partidas e que se utilice ese diñeiro para aumentar o gasto social, para facer un orzamento máis solidario, para elaborar un Plano de Inserción Laboral con medidas dirixidas a aquelas persoas con especiais dificultades para atopar emprego.

