O Partido Popular rexeita unha iniciativa do BNG para a construción dun novo Centro de Saúde en Caión

Grupo Municipal do BNG da Laracha
O Grupo Municipal do BNG presentou ao Pleno da Corporación unha iniciativa na que se demandaba un acordo unánime para demandar á Xunta a construción inmediata dun novo Centro de Saúde en Caión. Esta iniciativa non foi aprobada, ao votar en contra todos os concelleiros e concelleiras do Partido Popular, que rexeitaron demandarlle a Nuñez Feijoo unha infraestrutura tan necesaria e urxente como é a construción dun Centro de Saúde digno para a vila de Caión. Desde o BNG consideramos que non é xusto, non é de recibo que as veciñas e os veciños de Caión no dispoñan dun Centro de Saúde digno e teñan que seguir acudindo a un consultorio que non reúne unhas mínimas condicións para un centro sanitario. Mais por parte do goberno municipal do P.P. non só se rexeitou esta iniciativa, senón que pretenden enganarnos a todos e a todos dicindo que xa se vai facer este ano. A realidade é que nos orzamentos da Xunta para este ano 2010 non figura ningunha partida económica concreta para a construción dun Centro de Saúde en Caión. De feito, o Partido Popular rexeitou unha emenda presentada polo Grupo Parlamentar do BNG aos orzamentos da Xunta, na que o BNG demandaba a inclusión dunha partida económica para abordar este equipamento sanitario tan necesario para as veciñas e os veciños de Caión. Así pois, desde o BNG da Laracha pedímoslle ao Partido Popular que deixen de mentir á veciñanza, e que se poñan a traballar dunha vez, que esixan ao goberno de Nuñez Feijoo a construción urxente deste centro sanitario. O BNG seguirá traballando, e mesmo mobilizarémonos se é necesario, ata conseguir ese novo Centro de Saúde para Caión.