“Decidindo por nós mesmas”. O BNG rememorou o 8 de marzo, cun acto celebrado na Laracha, dedicando unha especial atención a Rosalía de Castro
O BNG de Bergantiños organizou o pasado 8 de marzo, un acto na Laracha en reivindicación da plena igualdade para a muller na nosa sociedade, e fíxoo evocando a unha das voces máis poderosas da nosa historia: Rosalía de Castro, figura máxima da literatura galega e voz destacada en defensa das mulleres.
O acto, conducido por María Rey, responsábel da muller do BNG da Laracha, principiou coa homenaxe que Galiza Nova rendeu á poeta. Laura Mariño, responsábel comarcal de Galiza Nova de Bergantiños, destacou no 125 aniversario da súa morte o significativo que é sermos unha das poucas culturas do mundo que ten como expresión máxima unha muller.
Laura Mariño, que deu lectura ao manifesto no día de Rosalía (24 de febreiro), da autoría da AELG, lembrou a plena vixencia do discurso de Rosalía en varias das súas vertentes: a súa loita pola dignificación do idioma, hoxe tan tristemente de actualidade; a súa reivindicación permanente da muller galega.
“loitando nós mesmas día a día pola igualdade”Despois de Laura Mariño interviron Irene Medín e Laura Medín, militantes de Galiza Nova de Bergantiños e pertencentes á Asemblea Local do BNG da Laracha, quen leron poemas da autora.
Por parte do BNG, Mónica Castro, concelleira do BNG na Laracha, e Nieves Suárez, responsábel comarcal da área da muller do BNG de Bergantiños, interviron para reivindicar a plena vixencia da loita feminista e para facer repaso a unha situación actual de retroceso nas conquistas dos dereitos das mulleres e de políticas antisociais por parte do actual goberno galego.
Ambas as dúas resaltaron, nas súas intervencións, as medidas negativas postas en marcha por Núñez Feijoo e o seu goberno: apoio a iniciativas lexislativas de asociacións antiabortistas, limitación da actuación dos Centros Quérote, eliminación das oficinas de I+B e dos puntos de información á muller, cancelación da posta en marcha do servizo “kanguros” ou paralización da posta en marcha de galescolas e centros de día.
A seguir, proxectouse un vídeo que, baixo o lema “Traballadoras”, recordou o papel fundamental que as mulleres xogaron na historia de Galiza, até o punto de converterse na espiña dorsal da súa economía, papel que non sempre se lle recoñeceu e valorou.
As persoas que acudiron ao acto achegáronse despois á praza do Concello da Laracha para participar dunha concentración simbólica, presidida por dúas pancartas: unha do BNG, baixo o lema “loitando nós mesmas día a día pola igualdade”, e outra de Galiza Nova, que levaba por lema “as mozas galegas o motor do país. Que non nos paren”.

