Trasladamos ao goberno as nósas propostas aos Orzamentos

Esta mañá presentamos ao goberno local un total de cinco propostas de modificación dos Orzamentos 2010

Ames, 12 de marzo de 2010. Esta mañá presentamos ao goberno local un total de cinco propostas de modificación dos Orzamentos co obxectivo de chegar a puntos de encontro que permitan a aprobación das contas  no menor tempo posible en beneficio da cidadanía.

Nos tempos de crise actuais, o goberno debería facer unha aposta decidida por investir no que produce e non manter unha posición conformista e resignada. Por iso, propoñemos o recorte dos gastos en “Asesorías Externas” e “Estudos e Traballos Técnicos” –tarefas que deben ser desenvolvidas polos propios traballadores e técnicos do Concello-  e destinalos á elaboración dun Plan de Dinamización Económica do Concello co obxectivo de atopar as fórmulas para fixar o asentamento de empresas que poidan xerar ingresos e emprego a medio prazo.

O goberno debería facer unha aposta decidida por investir no que produce
Asímesmo, as dificultades económicas ás que teñen que facer fronte as familias na actualidade son, para o nós, un indicador claro da necesidade de aumentar os medios destinados ás axudas adicadas a emerxencias sociais. Por iso, outra das nósas propostas é que se recorten os recursos destinados a gastos en “Publicidade e Propaganda” e aumenten a contía para “Axudas Emerxencia Social”.


A nósa proposta tamén contempla a incorporación nas Bases de Execución dunha disposición que recolla o pago en prazo de 30 días a provedores dende o rexistro da factura. Deste xeito, pretendemos evitar que a tardanza no cobro dos traballos ou subministros ao Concello por parte das empresas sexa un agravante máis para as súas economías.


Outra das modificacións propostas busca que o Concello sexa exemplo na procura da estabilidade do emprego, polo que pedimos o compromiso por parte do goberno de convocar no menor tempo posible as prazas ocupadas por asesorías técnicas e contempladas na RPT.

Propoñemos un recorte dos recursos destinados a gastos en “Publicidade e Propaganda” e a aumento da contía para “Axudas Emerxencia Social”.
Por último, solicitámoslle tamén ao grupo de goberno a incorporación nas Bases de Execución dunha disposición que fixe un cronograma de convocatoria e resolución das subvencións municipais para evitar os indesexables retrasos que veñen a agravar a xa deficitaria situación económica dos entidades sociais, culturais, deportivas e xuvenís complicando o desenvolvemento da súa actividade.

Agardamos que as nósas propostas teñan unha boa acollida por parte do grupo de goberno socialista poñendo de manifesto a súa total disposición para acadar un consenso que permita a aprobación duns orzamentos adecuados aos momentos de crise actuais e beneficiosos para a cidadanía.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]