O BNG solicita o control do tránsito na pista da parcelaria de 'Pereira' en Pías
Os nacionalistas consideran que hai perigo de atropelo para os viandantes, pois é unha pista da parcelaria que carece de beiravía, e é moi utilizada polos veciños para pasearO Bloque Nacionalista Galego presentou hoxe no concello, unha proposta na que solicita o control do tránsito na pista da parcelaria de 'Pereira' en Pías, polo perigo que supón para os viandantes.
Segundo os nacionalistas, despois de se ter construído as dúas rotondas de Pías -na estrada Tui-A Guarda-, prohibíndose xirar cara a Tui na saída da estrada que vai da Mata a Pías, son moitos os vehículos que utilizan a pista da parcelaria de “Pereira” para saír en dirección a Tui.
Así, indican que esta pista de “Pereira” foi feita para dar servizo ás parcelas da zona con vehículos agrícolas e non para asumir un alto índice de tránsito de turismos, furgonetas e pequenos camións que antes ía pola mencionada estrada A Mata-Pías, e que a mesma “é moi utilizada polos veciños da zona para pasear, entrañando un perigo real de accidentes para os viandantes, pois é moi estreita e sen beiravías”.
O BNG propón que o concello se dirixa aos organismos competentes ao obxecto de darlle solución aos problemas de tránsito que se están a dar, e que, de xeito transitorio, sexa o concello quen no uso das súas competencias en materia de tránsito no municipio, tome as medidas oportunas para darlle unha solución a esta situación mentres as demais administracións ou organismos adoitan unha solución definitiva.

