A alcaldesa de Tomiño califica de "ocultismo intencionado" a falla de información por parte da Xunta sobre a alternativa da VAC Tui-A Guarda
A Xunta publicou hoxe no DOGA a aprobación inicial do proxecto sen avisar ao Concello de TomiñoTomiño, 12 de marzo 2010.- O goberno municipal de Tomiño lamenta profundamente a falla de información por parte da Xunta de Galicia en relación á aprobación provisional, o pasado día 5, do Estudo Comparativo de alternativas da vía de alta capacidade Tui-A Guarda, no segundo treito (enlace PO 350-enlace Goián).
Os representantes do goberno local decatáronse da mencionada aprobación a través do DOGA do día de hoxe, así como de que a partir de mañá comeza o período de exposición pública, sen que ata ese momento tiveran ningunha información ao respecto, e recibindo unha copia do devandito estudo comparativo a media mañá do día de hoxe na Casa do Concello.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, así como os portavoces dos demais grupos que forman o goberno tomiñés, coincidiron en cualificar esta falla de información como “ocultismo intencionado por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que implica un desprezo absoluto polos veciños e veciñas de Tomiño e polos seus representantes”.
O goberno local anunciou que presentará as alegacións que considere oportunas e salientou que “lamenta este novo mal comezo e que non se teña en conta á Administración Local nun tema de tanta envergadura coma este”.

