“Lei de caixas e fusión galega: defendendo os intereses do país”

Milagres Lantes, Francisco Jorquera, Pablo Villamar e Evencio Ferrero.

Carballo 06-03-2010. O BNG de Carballo organizou para este venres un acto sectorial do que participaron Milagres Lantes, responsábel local, Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, Pablo Villamar, vicepresidente da Deputación da Coruña, e Francisco Jorquera, deputado no Congreso.

Milagres Lantes, que introduciu o acto, fixo lembranza do camiño andado, dende o estoupido da crise até o momento actual, pasando polos intentos centralizadores do goberno Zapatero a través do FROB (Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria), e destacou que, en todo este proceso, o BNG tivo un proceso activo relevante en defensa dos intereses do país.

Evencio Ferrero: “Caja Madrid nunca nos deu nin un euro”

Evencio Ferrero, alcalde carballés, incidiu na importancia do debate sobre a Lei de caixas e a fusión galega, e recalcou que a forma na que se resolva o debate vai ter unha forte implicación sobre o tecido empresarial da localidade e da comarca, e pediulles a súa actuación para traballarmos por manter unhas caixas de aforro galegas.

Tamén fixo fincapé noutro dos beneficios do sistema de caixas, como é a súa obra social. Destacou, con números na man, o investimento que tanto asociacións de carácter social como administracións públicas reciben das caixas de aforro galegas. Ante o escenario dunha posíbel absorción de Caixa Galicia por Cajamadrid, recalcou que “o que nos deron [aos concellos] Caixanova ou Caixa Galicia poderanos parecer pouco, pero Cajamadrid nunca nos deu nin nos dará un euro”.

Pablo Villamar: “O debate non é se unha caixa ou dúas. É se caixa galega ou non”

Pablo Villamar, vicepresidente da Deputación da Coruña, lamentou que Partido Popular e Partido Socialista, como tantas veces, estean xogando ao “ping-pong”, facendo cruces de declaracións permanentes e tirándose as culpas mutuamente, cando realmente se demostrou que comparten un mesmo modelo e cando ambos non defenderon aínda con clareza unha postura de país nesta cuestión nin se espera que o fagan.

Ao fío do debate sobre a fusión e o papel do BNG, Pablo Villamar lembrou que non foi o BNG quen provocou o actual debate sobre as fusións, e que é o goberno do Estado quen, a través do FROB, está a promover a concentración de entidades, obrigando a que nun curto espazo de tempo o número de caixas non pase de dez. Nese escenario no que non hai máis opcións que unha fusión, Pablo Villamar destacou que a única saída razoábel para o país é unha fusión entre as dúas caixas galegas, pois calquera outra decisión é moito peor ao alonxar da nosa terra (e polo tanto do noso sector económico e social) os centros de decisión.

Francisco Jorquera: “Queremos unhas caixas de aforro máis democráticas e ao servizo da economía produtiva do país”

Francisco Jorquera, deputado do BNG no Congreso, fixo tamén un repaso da historia que trouxo o debate das caixas até o momento actual e recalcou que o goberno Feijoo foi mudando o paso e o discurso a medida que a posición do BNG, acompañada cada vez de máis respaldo social e mediático, foi gañando forza e foi quedando en evidencia a falta de compromiso co país do goberno galego.

Nese sentido, sobre a hipótese de que o Partido Popular puidese estar promovendo unha fusión galega para despois ceder a caixa resultante a Caja Madrid, Jorquera non quixo facer augurios, pero recalcou que sempre foi a presión social a que fixo saír ao PP do seu inmobilismo, e que terá que ser a sociedade a que, co seu respaldo maioritario á necesidade de mantermos as caixas de aforro en Galiza, faga que o PP non poida nin pensar nesa hipótese.

Jorquera tamén demandou que as caixas de aforro sirvan, máxime agora, en circunstancias de crise económica, para dar soporte á economía produtiva do país. Neste escenario, o deputado do BNG mostrouse convencido de que, sexa unha ou sexan dúas, a verdadeira clave é que o control das caixas de aforro quede no país para que poidan vincularse ao desenvolvemento da economía galega.

Francisco Jorquera tamén destacou que a postura do BNG na Lei de caixas foi claramente activa, e que foi grazas ao BNG que se introduciron na nova lei cuestións clave como a democratización dos seus órganos de goberno, o control público da súa actividade ou a renovación dos seus organismos.

O deputado do BNG foi, igualmente, moi crítico co recurso de inconstitucionalidade presentado polo goberno Zapatero, e destacou que se trata dun recurso político, e non técnico, que busca impedir que Galiza teña un sistema financeiro propio. Destaca que iniciativas deste sentido non se tomaron cando comunidades como Catalunya ou Andalucía iniciaron camiños semellantes.

Nesa liña, Jorquera tamén destacou a aposta do BNG por outras medidas, como a necesidade de contarmos cun instituto de crédito oficial que facilite directamente capital ao empresariado galego sen a intermediación da banca privada.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]