O BNG de Bergantiños apoia as demandas sociais e oponse aos retrocesos propostos polos gobernos estatal e galego.
O BNG de Bergantiños respalda as mobilizacións que para mañá (10 de marzo) están convocadas polo país adiante, e en concreto chama á cidadanía de Bergantiños a participar da marcha que, ás 8 da tarde, sairá da Praza da Palloza da Coruña.
O motivo destas convocatorias é rememorarmos, un ano máis, o Día da Clase Obreira Galega, data que se fai coincidir co asasinato, no ano 1972, de Amador e Daniel, dous traballadores de Bazán asasinados pola policía por manifestarse polos seus dereitos laborais.
Pero alén do carácter histórico desta data, o ano 2010 é un momento no que necesitamos máis que nunca saír ás rúas para opoñérmonos ás medidas regresivas que, en materia central, nos propoñen tanto o goberno estatal como o galego.
"a clase traballadora non pode ser quen pague a crise que outros/as provocaron."O BNG non pode nunca apoiar o retraso na idade de xubilación que agora nos propón o goberno Zapatero, e así quedou constancia en diversas iniciativas (por exemplo, mocións xa presentadas nalgúns concellos da nosa comarca). A crise económica provocada polo capital financieiro non pode ser pagada a conta dos dereitos da clase traballadora. E non pode ser así, menos aínda, cando quen realmente é culpábel desta crise económica vai saír sen asumir ningunha responsabilidade, con inxeccións millonarias á banca para pagar prexubilacións de ouro. Non, a clase traballadora non pode ser quen pague a crise que outros/as provocaron.
O BNG tampouco pode máis que criticar o papel da Xunta de Galiza neste escenario. Núñez Feijoo, quen dixo que ía solucionar a crise en 45 días, mira agora permanentemente a Madrid, botando todas as culpas sobre o goberno central e renegando das súas responsabilidades. Mentres tanto, todas as súas medidas van xusto no camiño contrario a mellorar a situación: redución de servizos públicos, despedimentos na propia administración, falta de actuación en materia de solo industrial.
Por iso, este 10 de marzo, Día da Clase Obreira, o BNG volverá estar na rúa, agora máis que nunca, en defensa dos dereitos da clase traballadora.
Carballo, 09 de marzo de 2010.

