O BNG traballa día a día para que os/as maiores de Laxe sigan contando cun local social.

Foi apenas o pasado 1 de marzo que, grazas á colaboración da Deputación da Coruña (a área de Benestar, que dirixe o larachés Xoán Sande, fixo unha achega económica de case 7.000 euros), a Asociación de Discapacitados “O Peñón” puido cumprir un dos seus vellos obxectivos e abrir un Centro de Maiores que está a funcionar como un lugar de encontro para toda a localidade.

O novo local social está situado na Casa do Mar de Laxe, grazas á cesión que no seu día fixo o anterior goberno galego, está aberto todos os días e está a ser todo un éxito, xa non só polos servizos que presta (cafetaría, xogos, televisión, biblioteca, salón de actos...) senón sobre todo pola enorme necesidade que representaba, ao non contar a localidade con ningún equipamento deste tipo.

Por unha vez, a sociedade e a administración confluíron e puxeron ao servizo da cidadanía un equipamento amplamente demandado.

Pero a alegría durou pouco. Xa a mesma semana pasada, o goberno da Xunta de Galiza remitiu unha incríbel carta á asociación “O Peñón” na que lle demandan que, nun prazo máximo de 15 días, abandonen o local. O delegado territorial da Consellaría de Traballo e Benestar lembra á asociación O Peñón que a cesión do local foi en precario, que a súa titularidade lle corresponde á Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e que no citado prazo deben deixar as instalacións.

O BNG considera un auténtico desatino este escrito, e manifesta a súa vontade inequívoca de que a cidadanía de Laxe siga a contar con unha infraestrutura tan longamente demandada e tan apreciada dende a súa posta en marcha. Por iso, dende que tivo coñecemento deste último feito, xa puxo en marcha diversas iniciativas para tentar lograr paralizar o peche desta instalación.

Este mércores, Carlos Aymerich, portavoz parlamentario do BNG, presentou dúas iniciativas para reclamar que o local social de Laxe continúe aberto ao público. Carlos Aymerich reprochou á Xunta de Galiza que se escude detrás da Tesouraría Xeral da Seguridade Social cando foi o goberno galego quen fixo a cesión das instalacións, e reclamou explicacións do goberno sobre o uso, público ou non, que ten previsto darlle á planta primeira da Casa do Mar de Laxe, así como tamén preguntou se ten previsto facilitarlle outro local á asociación O Peñón no caso de insistir en desaloxalos do seu actual local.

O xoves, Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, lembrou ao goberno do Estado que a Casa do Mar de Laxe albergaba as antigas oficinas do Instituto Social da Mariña, un servizo que hai anos foi desmantelado na localidade, e que foi diante desta falta de uso que a Xunta de Galiza (logo do traspaso de competencias) cedeu o local á asociación de discapacitados. E así, diante dos sucesos desatados, Francisco Jorquera preguntoulle ao goberno do Estado se era consciente do actual uso social que estaban a ter as instalacións e se non considera que debería seguir tendo este uso. Ao fío, pregúntalle tamén á administración estatal que uso pretenden darlle á Casa do Mar.

Na iniciativa rexistrada no Congreso dos Deputados o BNG tamén se interesou polo trámite de devolución da Casa do Mar á Confraría de Pescadores de Laxe, que semella ser a orixe do actual conflito, e preguntou en que estado de tramitación se atopa esta cuestión.
Sexa cal sexa a titularidade do ben, sexa cal sexa a administración competente, o BNG entende que o local social de Laxe supuxo a consecución dunha infraestrutura amplamente demandada, e traballará en todos os foros nos que ten representación para que os/as maiores de Laxe poidan seguir contando con un local de ocio e encontro.

Sexa cal sexa a titularidade do ben, sexa cal sexa a administración competente, o BNG entende que o local social de Laxe supuxo a consecución dunha infraestrutura amplamente demandada, e traballará en todos os foros nos que ten representación para que os/as maiores de Laxe poidan seguir contando con un local de ocio e encontro.

Laxe, 13 de marzo de 2010

Xosé Manuel Pose
Responsábel local do BNG de Laxe

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]