O BNG de Bergantiños pide á cidadanía da comarca que se mobilice na defensa do seu idioma
13/03/2010. O BNG de Bergantiños secunda e comparte a convocatoria de concentración que vén de efectuar a Plataforma Queremos Galego e anima a toda a cidadanía da comarca a manifestarse o luns, 15 de marzo, ás 8 da tarde, na Praza do Concello de Carballo.
A mobilización, unha máis das que promove a plataforma, foi convocada por esta logo do anuncio da Consellaría de Educación do novo decretazo contra o galego. Aínda que se diga que houbo modificacións e recurtes sobre as pretensións iniciais, o certo é que o obxectivo do goberno Feijoo era e segue a ser un: dar, por primeira vez na historia do país dende o retorno da democracia, un paso atrás no proceso de normalización da lingua galega e na súa implantación no sistema educativo.
" o BNG de Bergantiños estará na concentración deste luns, ás 8 da tarde, na Praza do Concello de Carballo "Ademais, e como sinalan dende a plataforma, o goberno Feijoo insiste en tentar desmobilizar á sociedade sacando as normas máis polémicas en períodos supostamente inhábiles: remitiron a circular sobre as Escolas Oficiais de Idiomas en período vacacional de verán; presentaron o anterior borrador de decretazo en vacacións de Nadal e en plena véspera de fin de ano; e agora fano en fin de semana (chegou a rumorearse que o farían na véspera da ponte festiva do 19 de marzo, mais semella que non se atreveron).
" e anima a toda a cidadanía a manifestarse polos seus dereitos e polo seu idioma."Sexa como for, o BNG teno claro: estamos polo dereito a vivirmos e aprendermos en galego, e non toleraremos nin un só paso atrás no proceso de normalización lingüística. Cremos que os espazos nos que a nosa lingua aínda está infrarrepresentada son moitos, e non permitiremos que nos recorten os avanzos conseguidos. Por iso, o BNG de Bergantiños estará na concentración deste luns, ás 8 da tarde, na Praza do Concello de Carballo, e anima a toda a cidadanía a manifestarse polos seus dereitos e polo seu idioma.

