O BNG de Coristanco reclama ao alcalde que actúe diante dos verquidos incontrolados

Entrada ao campo de fútbol da Braña

O grupo municipal do BNG denuncia que, coa inacción cómplice do goberno local, veñen de producirse danos no campo de fútbol da Braña e na estrada de acceso.

O BNG vén de presentar un rogo para a próxima sesión plenaria do Concello de Coristanco no que ten que volver falar de verquidos incontrolados, danos aos bens públicos e deixación de funcións por parte do alcalde e o seu equipo de goberno.

O BNG detectou un importante verquido de cascallos no campo de fútbol da Braña (Erbecedo). Ademais, o constante tránsito de camións destrozou o firme da estrada de acceso, por onde tamén pasa a veciñanza da zona.

Estrada de acceso ao campo de fútbol da Braña.

O BNG ten que denunciar, unha vez máis, que o alcalde e o seu goberno non actúan a pesar da evidencia da infracción e dos danos causados, facendo deixación de funcións e deixando á veciñanza indefensa ante estes abusos.

Por todo iso, o BNG presenta unha iniciativa para o debate no próximo pleno na que lle recorda ao goberno local as súas obrigas e lle demanda a apertura dun expediente encamiñado a averiguar as responsabilidades dos verquidos e dos danos, así como a súa valoración. Tamén reclama o BNG que se esixa a corrección dos danos causados e a reposición ao seu estado orixinal tanto do campo de fútbol como da estrada de acceso.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]