O centenario piñeiral da Madalena de Cabanas

Malia a que o bosque de coníferas xa presentaba grandes claros e escasas árbores mortas, agora Costas e o Concello crean coa súa actuación calvas estensas onde antes non as había. Estas calvas alarmaron á cidadanía consciente do debilitamento fronte a temporais que as cortas sucesivas lle causaran á masa forestal

Mentres os representantes dos grupos políticos municipais reclamaran en 2004 a Rafael Eimil unha actuación prioritaria no frondoso e irrepetible piñeiral da Magdalena, a partir de 2006 o destino dos piñeiros pasou polo abandono e pola desfeita propiciada ben pola (in)acción das institucións local e estatal no seu coidado ben polos adversos meteorolóxicos. Neste senso, hai que lembrar a agresiva e desproporcionada corta que realizou José Rey en 2007 e que foi ignorada pola Demarcación de Costas do Estado ou a recollida "municipal" dos piñeiros centenarios tirados polos sucesivos temporais dos últimos anos que foron distribuídos opacamente coa vista gorda da Demarcación, esa mesma vista gorda que se repetiu coa escandalosa festa Tecno-Rave 36h Non-Stop autorizada verbalmente polo alcalde popular, Germán Castrillón.

Os métodos de actuación resultan reiterados e enfastiantes, os piñeiros sans pagan a rexeneración realizada por maderistas contratados a dedo pola administración sexa local sexa central. As consecuencias están á vista, a masa arbórea do noso litoral perde densidade a pasos axigantados. Así, as cortas municipais, os temporais e agora o tratamento "ambiental" de Costas do Estado farán desaparecer preto do 40% do total, unha cantidade inasumible para calquera persoa que respecte esta xoia do Eume.

O BNG reclama unha reflexión sobre o que Costas, co visto e prace da coalición PP-AEC, está a facer e cordura ante a forte mingua que se lle infrinxe a un piñeiral maduro e que no caso de quedar con menos exemplares pode ser pasto fácil duns temporais que poden danar seriamente a conservación do conxunto. As administracións actuantes, ao entender do BNG, deben refacer a actuación despois de que o ciclón Klaus e os temporais do presente inverno incidisen negativamente sobre un número considerable de exemplares da masa arbórea. Ademais, ao BNG parecelle gravísimo ignorar que a menor densidade e a maior luminosidade vai incrementar a brouzada baixa e polo tanto o risco de incendio nun piñeiral ata agora totalmente inmunizado contra esas desgrazas. 

O BNG quere deixar constancia do respecto que lle veneran os veciños e veciñas de Cabanas ao seu maior parque público, a un ben que coidaron e formaron coas súas mans e que agora é agredido sen consideración por uns advenedizos incapaces de comprender e respectar este bosque tan apreciado e recoñecido. O PP de Germán Castrillón mentiulle aos Grupos políticos e á cidadanía cando declararou ante as demandas de actuación inmediata no piñeiral defendidas polo BNG o 19 de maio de 2008 que "[PP-AEC] teñen a intención de facer unha repoboación progresiva do piñeiral". Todo o contrario do proceso que acaban de iniciar da man da administración de Costas do Estado. O BNG suxeriu no Congreso a protección do piñeiral da Madalena baixo unha figura de protección ambiental específica, pero a proposta foi rexeitada pola administración estatal.

Xosé Manuel Pérez Sardiña, portavoz do BNG, opina que a corta é "moi agresiva e considerable" ao afectar 600 exemplares arbóreos. "Cando nos presentaron o proxecto propoñíannos só cortar o 30% de piñeiro californiano e eliminar árbores secas ou mortas e non un 30% do total", explica. Por outra banda, o portavoz nacionalista asegura que as administracións local e estatal planificaron o momento da actuación desastrosamente posto que se vai replantar na época de menos chuvias do ano (primavera-verán), o que pode estragar o plantío, e ademais ignoran aos paxaros e mais os esquíos que fixeron do noso piñeiral a súa casa. Así mesmo, reclama a paralización da corta e a apertura dun proceso de reflexión para que os veciños, os Grupos Políticos e a administración estatal "corrixan todas estas eivas e traten de buscar un consenso que conforme a toda a xente", "O centenario piñeiral de Cabanas meréceo", concluíu.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]