O BNG reclama a paralización da tala indiscriminada e a tramitación pública dun Plan Especial para a praia e o piñeiral da Madalena. O piñeiral merece un tratamento singular e non "proxectos feitos desde o coche oficial"

Parece escandaloso que se modifique a situación natural dun piñeiral maduro eliminando as "altas copas de arume arpado" xa recitadas por Pondal no seu poema "Os pinos", e que a administración promova as árbores illadas e separadas unhas das outras, máis vulnerables aos temporais. Ademais a época de repoboación vaise realizar descoidadamente coa chegada das estacións secas da primavera e o verán, o que pode resultar un auténtico fiasco. Así mesmo, esa actuación pouco meditada vai conseguir a destrución da micoloxía e a desbandada de aves, esquíos e réptiles que acaban ben esmagados ben sen sitios de cría pola agresiva actuación contra o espazo.

Hai que lembrar que a maior agresión ao espazo boscoso chegou coa apertura da estrada litoral, o que implicou a primeira deforestación importante que partiu o piñeiral en dous. A cousa non quedou aí senón que Costas proseguiu coa construción dun desafortunado espigón e para rematala coa achega de area de pésima calidade que empeorou tremendamente os atributos dunha praia idílica que tiña area branca e fina da que gozaban os turistas no verán, ademais da sombra do piñeiral agora talado indiscriminadamente.

Costas e o Concello de Cabanas non queren rectificar unha liña errada que urbaniza a marchas forzadas un piñeiral repoboado polos veciños de Cabanas para o goce público. Resulta ridículo e mesmo un insulto á intelixencia argumentar a corta de 600 exemplares arbóreos, entre as que se cortaron piñeiros centenarios, porque haxa unha minoría de árbores tortas e porque o piñeiral teña un teito tupido. A Demarcación de Costas e o Concello deberían centrarse na praga procesionaria e nos problemas da ría, como a existencia de vertedoiros de lixo, a contaminación por augas sen depurar ou a dramática transformación da praia por un espigón sen fundamento científico.

Ao entender do BNG, os intereses que hai detrás de toda a actuación non teñen nada que ver coa protección do ambiente. A Demarcación en connivencia co goberno local PP-AEC pretende cementar este espazo senlleiro sen tramitar un Plan Especial, exixido tanto polas Normas Subsidiarias municipais como polo recente Plan de Ordenación do Litoral da Xunta de Galiza. Esa tramitación faría público un proxecto agachado no que os veciños teñen dereito a participar e opinar, ademais do Grupo Político Municipal do BNG que se manifesta desconcertado pola evolución duns traballos afastados dos presentados hai dous anos. Ademais, dende o BNG vaise denunciar a previsible construción de novos chiringuitos no terreo deforestado do piñeiral, mesmo en zonas onde abundan as corchoeiras, clara mostra dos intereses económicos que hai de transfondo por especular co chan de todos os veciños.

O BNG considera que a degradación deste ecosistema centenario nos últimos anos, precisamente baixo a responsabilidade de Costas do Estado, deixa en evidencia o dano causado a un espazo construído por todos os veciños e veciñas que nos enorgullece e distingue como un pobo comprometido coa protección sostible do contorno.

O BNG lamenta que os plans edificatorios das administracións central e local non poñan solución a ningún dos problemas dun espazo que debería estar protexido baixo algunha figura ambiental e mesmo infrinxen os principios de protección do litorial, estabelecidos na propia lei de Costas. De seguir adiante co proxecto, todos asistiremos á desvalorización da verdadeira riqueza da praia da Madalena que ao entender do BNG, por riba de todo, debería seguir sendo unha fonte de vida, diversidade e ocio ben entendido para Cabanas e para Galiza.



twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]