Artigo de opinión de Carlos Aymerich sobre os orzamentos do Estado
O portavoz parlamentar do BNG analisa as cifras estatais e a súa incidencia na nación galega
Santiago de Compostela, 27 Setembro 07.-O portavoz do grupo parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, analisa nas seguintes liñas as grandes cifras do estado para 2008, a súa incidencia na nación galega e a determinancia do nacionalismo neste debate.
Non. Os nacionalistas non nos conformamos apenas con que Galiza, as súas infraestruturas e os seus cidadáns, sexan ben tratados polo Estado. O noso horizonte político vai alén de lograrmos nos orzamentos españois investimentos suficientes para pór en andamento os nosos camiños de ferro ou de incrementarmos as pensións e os salarios percebidos polos galegos. Non abonda. En realidade os nacionalistas traballamos para que sexan os poderes públicos de Galiza, elixidos directamente polo noso pobo, os que planifiquen, prioricen e xestionen os nosos recursos, os nosos investimentos e as nosas infraestruturas. Por iso impulsamos e participamos activamente na elaboración dun Novo Estatuto que o veto do PP mantén, por en canto, paralisado. Por iso reclamamos do goberno estatal a transferencia de novas competencias, demorada polo de agora polas reticencias do PSOE. E, enfin, tamén por iso os nacionalistas defendemos a necesidade dun espazo galego de libre decisión.
"Impulsamos e participamos activamente na elaboración dun Novo Estatuto que o veto do PP mantén, por en canto, paralizado"Quixeramos que non dependese do Estado decidir cando e como vai ser desenvolvida a nosa rede ferroviaria. Sobretodo porque temos xa unha longa experiencia do que isto significa: que Galiza fique sempre para o final. E así seguido para o resto das infraestruturas e dos servizos que se han prestar sobre delas. Porén sería irresponsábel que o BNG non utilizase a forza que os galegos lle conferiron para, ao tempo que construir consciencia nacional e sentar as bases dunha Galiza soberana, lograr nos orzamentos estatais unhas consignacións suficientes para satisfacer, ben que sexa parcialmente, as necesidades e as demandas do noso país aproveitando a tal fin todas as oportunidades que se nos apresenten.
Así o fixeron Castelao, Otero e Alonso Ríos nas cortes republicanas. E así o está a facer tamén o BNG e, singularmente, o seu portavoz no Congreso dos Deputados Francisco Rodríguez. Non é por acaso que desde 2005, desde os primeiros orzamentos apoiados polo BNG, mellorase susbtancialmente o tratamento que as contas estatais dan a Galiza. É en boa parte grazas a súa perseverancia que dos 700 M€ de investimento en 2004 (os últimos orzamentos do PP) vaiamos superar os 2000 M€ nos orzamentos para 2008, ainda á espera da tramitación parlamentar do proxecto apresentado o pasado día 25 de Setembro.
Porque Francisco Rodríguez foi quen de comprometer o goberno español e de condicionar o apoio dos nacionalistas galegos aos orzamentos nun documento asinado, en presenza do ministro Solbes, co portavoz socialista no Congreso a primeiros do mes que andamos. E o BNG condiciona o seu voto favorábel aos orzamentos a que ao fin da negociación se podan alcanzar os 2000M€ e a que no ano 2008 se inicien as obras no treito Lubián-Ourense e A Coruña-Ferrol da liña de alta velocidade, a que se acometa a saida sul de Vigo e se dote de servizos ferroviarios de proximidade os itinerarios entre Vigo e Pontevedra, entre Vilagarcía e Santiago e máis tamén entre A Coruña, Betanzos e Ferrol, para alén doutras actuacións como o acceso ferroviario ao porto exterior ferrolán ou tamén, entre outros, o saneamento en Santiago e Vigo.
Pode pois Touriño apontarse tantos que non lle corresponden e anunciar, como se fose unha novidade, os logros arrincados polo BNG. Contodo o seu activismo renderíalle máis a Galiza se no canto de se preocupar por capitalizar o traballo do nacionalismo se esforzase por completalo e afianzalo. Ou é que acaso ousaría alguén criticar ao inquilino de Montepío por ter incrementado en 100 ou 200 M€ de euros máis os 2000 millóns xa conseguidos por Francisco Rodríguez? Ainda está a tempo.

