“Axente dobre en Soneira”, un artigo de Carlos Aymerich

Inspirada no caso Philby, a novela “O factor humano” de Graham Greene relata de xeito maxistral as razóns morais que levaron ao axente británico Maurice Castle a espiar ao servizo da URSS, e as regras, nada morais, que rexen o funcionamento dos servizos secretos. A principal delas, ben coñecida polos afeizoados ao xénero, a de que un axente vale tanto como a información que posúa.

A xulgar polas confesións de María Isabel Blanco, alén da espionaxe tal máxima é tamén extensíbel aos axentes electorais. Onte ao servizo do PSOE, a Sra. Blanco pasa a servir o PP empregando a información que posúe como salvoconducto. Información, por certo, ben interesante: emigrante retornada en situación económica precaria, María Isabel é contactada polo alcalde socialista de Vimianzo como gancho electoral na Arxentina. Na última campaña das municipais, contratada polo sindicato Unións Agrarias (UUAA) através da “Unión de Viticultores do Castro”, viaxou a Buenos Aires para facer campaña por Félix Porto – candidato en Muxía e dirixente de UUAA – e outros candidatos do PSOE cun billete pago pola Secretaría Xeral de Emigrazón facilitado pola deputada Marisol Soneira. As leas internas no PSOE soneirán, cun rexedor vimiancés botado nos brazos do PP como se de Orozco se tratase, explican a deserción muito mellor que as razóns de consciencia aducidas pola interesada. Miseria, fraude, diñeiro suxo … eis os elementos para unha boa novela negra. Que tal “A fraude de Soneira”?

Todo segue na mesma. Entre cheques e axentes electorais, PP e PSOE cruzan acusacións de fraude ao tempo que trafican co voto exterior e se negan a reformar a lexislación electoral. Até o seguinte escándalo.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]