Texto de opinión de Carlos Aymerich sobre a situación política actual
Carlos Aymerich escrebeu este artigo para o semanario "A nosa terra"
Nervos
Elena Espinosa tenciona “prescindir do BNG”. Touriño quer contar cunha maioría suficiente para gobernar “con total autonomía”. Elena Salgado advirte que para transferir o tráfico vai haber ainda muito que falar. E os alcaldes do PSOE, desta vez xa sen requilorios, defenden que a cualidade – e o prezo - da vivenda debe depender en exclusiva do albedrío dos construtores. Así andan as cousas.
Andan nervosos. E teñen razóns. Porque consumidos xa tres anos de lexislatura a sucursal galega do PSOE ten un magro balanzo que lles apresentar aos galegos. Mui pouco en Sanidade, escaso en Educación, inexistente en Meio Ambiente, nulo en Presidencia e Xustiza, negativo en Traballo, invisíbel en Economía e cativo en Pesca. Chegarán os quilómetros de asfalto que Política Territorial anda a licitar para, ao xeito de Fraga, equilibrar as contas xa contra a fin do mandato?
Pola contra o BNG ten un programa transformador e teima en o levar á prática: o Banco de Terras e a nova política florestal, o sistema galego de ben-estar con participación dos concellos através do consorcio (que xa agrupa a dous de cada tres municipios galegos), unha nova política enerxética sustentábel que mira porque os beneficios xerados cos nosos recursos naturais fiquen no país, unha nova política de vivenda que atende aos intereses da xente, e, en fin, unha aposta sen complexos pola posta en valor e a difusión internacional da nosa cultura e do noso deporte.
O PSOE pedirá a confianza dos galegos como garante do vello, de que todo seguirá na mesma. O BNG dirixirase á maioría de galegos e de galegas que queren que as cousas muden de verdade e que por iso apostaron, vai xa para tres anos, por un goberno de cambio. Que o pobo decida.

