Artigo de opinión de Carlos Aymerich sobre as relacións entre economía e política

 

O portavoz nacionalista no Parlamento Galego escrebe unha nova colaboración para o semanario "A nosa terra"

CLASES
Na súa “Breve Historia do Neoliberalismo”, o xeógrafo inglés David Harvey caracteriza esta corrente política como un proxecto que visa restabelecer o poder imperial e de clase  canalizando en beneficio das clases e dos países dominantes rendimentos e riqueza desde os asalariados e os países subdesenvolvidos. Varios foron os expedientes empregados para tal fin – financiarización, privatización, mercantilización – e, xunto coas vías violentas (eis Chile ou Arxentina), se por algo destaca o neoliberalismo é por privilexiar a loita cultural e ideolóxica através de think tanks, universidades e meios de comunicación. Monopolizar, enfin, a criazón de opinión e a reprodución das elites empresariais e políticas de cada vez, por certo, menos distinguíbeis unhas das outras.


E porque é proprio deste neoliberalismo rampante a circulación fluida entre o poder económico e o poder político, non deberían surprender novas como a fichaxe de Eduardo Zaplana por Telefónica ou a de David Taguas, antigo director da oficina económica da Moncloa, por SEOPAN, asociación que reúne ás grandes construtoras españolas. Dantes foron Schröder, Aznar, Blair, Piqué, Rato ou Arias Salgado os que encontraron na empresa privada cumprida recompensa polos favores prestados, seguindo deste xeito un camiño que xa Felipe González percorrera representando as multinacionais españolas en Latinoamérica.


Non surprende porque, ao fin, nun lado e no outro seguirán a facer o mesmo: defender os intereses imperiais e de clase en nome do único internacionalismo que, nestes tempos sombrizos, segue a funcionar. E de que xeito.

fresqui  delicious  digg  technorati  yahoo  meneame  chuza 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]