"Deslocalización", un artigo de Carlos Aymerich
O pasado 4 de Febreiro, o consello de Xesgalicia acordou conceder un crédito á empresa Caramelo por importe de 5 millóns de euros. A axuda foi inicialmente ocultada pola Consellaría de Economía e Industria que, forzada polos meios á xustificar o empréstimo, aludiu ao impulso da internacionalización da empresa. Calou que a axuda se concedese despois de Caramelo ter despedido, con autorización da Xunta, 230 traballadoras da súa fábrica coruñesa. E esqueceu tamén que na resolución pola que se lle deu luz verde ao tal ERE a Xunta considerou que a vontade manifestada por Caramelo de deslocalizar a produción a outros países con menores salarios e menos proteción social pode ser considerada como unha das causas “económicas, técnicas, organizativas ou de produción” quen de xustificaren un despedimento colectivo segundo o Estatuto dos Traballadores.
O propio conselleiro de Economía practica a deslocalización coa súa empresa téxtil, cuxo centro de produción está en PortugalNon é de estrañar. O proprio Javier Guerra, Conselleiro de Economía e Industria, predica co exemplo. El proprio é empresario do sector textil, mais a produción das prendas que comercializa non se fai na Galiza: realízase en Portugal. Por iso cando fala de impulsar a internacionalización das empresas galegas a Xunta do PP refírese, en realidade, a financiar a deslocalización da produción e, por conseguinte, a destrución de emprego no noso país. Así é austeridade de Núñez Feijoo. E quizais por iso a semana pasada o PP impediu que prosperase unha emenda do BNG que, en contra das sentenzas do Tribunal de Xustiza da UE que legalizan o dumping social en nome da libre prestación de servizos, apenas pretendía que todas as persoas que traballen en Galiza estexan suxeitas á lexislación laboral e aos convenios colectivos galegos. É tanto pedir?

