'A contradición principal', artigo de Guillerme Vázquez sobre o sector naval
Santiago de Compostela, 7 Febreiro 07. Guillerme Vázquez é portavoz municipal do BNG en Pontevedra e foi deputado no Parlamento do Estado. A continuación reproducimos un artigo seu sobre a proposta da Consellaría de Industria para o estaleiro de Fene, publicado orixinalmente no diario dixital GZNacion:
Érase unha vez un país chamado Galiza en que existía un importante sector industrial adicado á construción naval, basicamente público, que empregaba miles de persoas e que era capaz de pór no mar barcos de alta tecnoloxía.
Viñeron seica tempos malos. O sector estaba “sobredimensionado” había que reconvertelo, no seu lugar ergueríase industria alternativa. Fundamentalmente en Vigo e Ferrol, fecháronse esteleiros, miles de obreiros perderon o seu emprego, coa sinatura de dirixentes sindicais ao pé de cada vaga de despedimentos. A industria alternativa que viría cubrir o baleiro nunca chegou. O sector público da construción naval foi reducido á súa mínima expresión e obrigado a se manter encorsetado na construción duns poucos segmentos de produción. O Eixe Madrid-Bruxelas-Goberno da Xunta funcionou como un reloxo. Nen unha soa voz discordante.
"Os nacionalistas ficaron sós, opoñéndose a estas decisións"Os nacionalistas ficaron sós, opoñéndose a estas decisións. Nunca aceitaron que ese fose o destino dun sector económico estratéxico para Galiza. Xentes como Pepe Díaz ou Francisco Rodríguez, por citar algúns, clamaron contra esas decisións, que nin eran racionais nin xustas. Demandaron en solitario, unha e outra vez, outra política para o noso sector naval.
O BNG chegou ao Goberno da Xunta. Dende a Consellaría de Industria, Fernando Blanco busca solucións, alternativas para ir saíndo desa situación, e atopa algunha.
Barreras, co apoio financeiro das Caixas, quere facer un novo estaleiro, aproveitando o baleiro deixado polo sector público, e nun contexto de demanda de buques a nível mundial que non é cuberto por el. Non se trata de privatizar un estaleiro público, trátase de crear un novo centro de produción onde hoxe non hai nada, nen se espera.
E, sorprendentemente, desátase a caixa dos tronos. O Estado ponlle a proa ao proxecto da Consellaría. Existen compromisos secretos con Bruxelas!. Non pode ser e punto. O conselleiro (a diferenza do que foi habitual durante anos) non se enruga, non acata, insiste. A contradición evidénciase. Os quintacolumnistas corren prestos a auxiliar ao goberno de Madrid. Dirixentes sindicais (estómagos agradecidos) non apoian a proposta da Consellaría. O PSOE (socio maioritario do Goberno galego) móvese entre a ambigüidade e o rexeitamento. O PP, corresponsábel da situación actual, limítase a facer demagoxia, demandando o que nunca procurou cando tiña o Goberno.
A proposta do conselleiro de Industria fai visíbel a contradición principal deste país, con toda crueza. Defender Galiza ou defender intereses alleos (españois ou europeos). Os nacionalistas, teimudos eles, téñeno claro. Defender Galiza.
E agora, tendo capacidade para gobernar, demostran que non é unha afirmación retórica. Outra Galiza é posíbel. Máis posíbel sería aínda con máis soberanía, con máis capacidade de decisión real, con confianza nas nosas posibilidades, con fe nas enerxías do noso pobo, con orgullo, con dignidade.
Por iso á proposta da Consellaría haberá quen lle poña todos os atrancos posíbeis. Está en xogo non só un proxecto concreto. Os defensores da Galiza sumisa, dependente, saben que está en xogo algo máis que iso. Outro futuro é posíbel para este país. Daí que sexa tan importante que a sociedade galega faga posíbel, co seu apoio, que este proxecto saia adiante. Será un exemplo, un símbolo. Os nacionalistas sabémolo. Os españolistas, tamén.

