"Caixas: o momento da verdade"

A crise serviu ao poder central a coartada perfecta para iniciar a reconversión das caixas de aforro. O Goberno despregou unha estratexia con obxectivos claros: reducir o número de entidades, invadir as competencias autonómicas e entregar as caixas -desligadas xa do territorio que as viu nacer- á banca privada. Dous paxaros dun tiro: afóndase na privatización do sector financeiro e recentralízase o poder no Estado.

Galiza é a gran pagá deste deseño porque, de saír adiante, perdería as súas caixas -que serían absorbidas por entidades foráneas- e perdería tamén a súa capacidade estatutaria de orientar a política financeira en beneficio da economía produtiva. De prosperar o clarísimo intento de recentralizar o poder político, a Xunta ficaría convertida nunha xestoría do Goberno central, nunha sorte de macrodeputación.

"Galiza é a gran pagá do deseño estatal porque, de saír adiante, perdería as súas caixas"O BNG ergueuse contra este deseño

O BNG ergueuse contra este deseño. Frente a pasividade xeral, impulsamos iniciativas dirixidas a frustrar a operación posta en marcha polo Goberno central. Así, promovimos a Lei de Caixas -para garantir que os centros de decisión ficasen en Galiza- e defendimos con clareza a fusión galega frente á fusión-absorción foránea.

Outras comunidades movéronse nesa dirección. Catalunya, Andalucía, mesmo Castela e León mudaron as súas leis, actuaron politicamente e racharon o deseño de Madrid.

"O Goberno Zapatero olla a Galiza con desdén e prepotencia. Feijóo perde folgos. A situación apodrece"A decisión do Parlamento Galego -a aprobación da Lei de Caixas impulsada polo BNG- non foi do agrado do señor Zapatero. “Vale que teña que apencar con cataláns ou vascos”, debeu pensar, “pero cos galegos, non, até aí podíamos chegar!”.

"Feijóo debe solicitar unha entrevista con Zapatero, non para negociar nada, senón para exixir a retirada do recurso"Recurso de inconstitucionalidade

Zapatero decidiu pór a proa á posibilidade de que as caixas galegas se fusionasen e por iso resolveu apresentar un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas. O seu obxectivo é que o aforro galego sexa absorbido por caixas de fóra. Actúa así, entre outras cousas, porque conta coa connivencia do Sr. Rajoy, tamén partidario desa solución, e porque pensa que esa decisión non lle traerá excesivos custos en Galiza. No fundo cre que, ao final, Galiza tragará.

Por todo isto, e conscientes de que só unha reacción social masiva faría variar a posición de Madrid, o BNG promoveu a asinatura do Manifesto Galiza Ten Dereito. Apartir de aí, a Xunta abriu un “diálogo” co Estado, que nós cuestionamos desde o primeiro día. Unha aposta abocada ao fracaso. Ou cedía o goberno galego ou cedía o español. E por que ía ceder o goberno español se o recurso era político e non técnico e ía dirixido non tanto contra a lei como contra a fusión?

As negociacións encallaron. O Goberno Zapatero olla a Galiza con desdén e prepotencia. Feijóo perde folgos. A situación apodrece. É preciso un golpe de temón. O presidente da Xunta non pode recuar e saldar o asunto co argumento de que “o intentei, pero non puido ser por culpa do PSOE”.

A vontade da sociedade galega

Feijóo debe saír da inacción. Ten armas políticas ao seu dispor que aínda non utilizou e debe pilotar a saída a este conflito. Debe recorrer de vez o FROB ante o Constitucional (se non o fai, ficará claro que é prisioneiro do PP estatal) e debe solicitar con urxencia unha entrevista con Zapatero. Non para negociar nada, senón para exixir con firmeza a retirada do recurso e trasladar ao xefe do Executivo español a vontade inequívoca da sociedade galega en favor de ter un sistema financeiro propio.

O BNG continúa a tomar iniciativas e nese sentido proporemos unha reunión ás entidades asinantes do Manifesto para avaliar a situación e adoptar as medidas precisas para sumarmos aínda máis sociedade en defensa dos nosos dereitos.

Só esa vía, a dunha sociedade en pé, coa cabeza alta, fará ver a Madrid que Galiza non vai tragar co que non tragaron nen cataláns, nen vascos nen andaluces. Só esa vía pode levar a que o poder central rectifique e retire o recurso.

Chegou o momento da verdade. No BNG traballamos sen descanso por un desenlace a favor de Galiza. Agardamos que os demais estean á altura do desafío.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]