'Galiza e as tarifas eléctricas', un artigo de Fernando Blanco Parga

Santiago de Compostela, 15 Febreiro 08.> Polo seu interese, reproducimos o seguinte artigo de Fernando Blanco Parga, portavoz de Industria e Traballo e publicado orixinalmente no diario Faro de Vigo:

 

A posición contraria á desaparición da Tarifa 2.0N (coñecida como Tarifa Nocturna), mantida pola Consellaría de Innovación e Industria, polo BNG e posteriormente, apoiada por numerosos Concellos galegos sitúa no debate social a paradoxal situación de Galiza no sector eléctrico.

É ben coñecido que o noso país é un grande transformador de enerxía eléctrica, con custes sociais e ambientais moi importantes que nunca tiveron compensación por parte do Estado, gobernase quen gobernase. No entanto, a pesar da nosa capacidade como exportadores, asistimos sempre a un discurso oficial sobre que as tarifas son únicas e iguais no Estado para garantir o equilibrio interterritorial. Por iso as perdas no transporte non se discriminan nas tarifas senón que as pagamos solidariamente todos os usarios e usuarias.

Porén, a realidade non é esa. A proposta que fai desaparecer a Tarifa Nocturna deixa claro que a súa supresión tería consecuencias peores para Galiza que para outras partes do Estado, por mor da nosa climatoloxía que nos obriga a un equipamento e a uns consumos específicos.

Mais non é este o único caso. En xaneiro do 2007 desapareceu a Tarifa B.0, que era exclusiva para o alumeado público dos Concellos, tiña un prezo baixo por Kw e non pagaba o termo de potencia. A desaparición desta tarifa ten un maior impacto económico nos Concellos galegos, pois teñen que dar cobertura a máis de 30.000 núcleos de poboación, que significan o 50% do Estado.

Tamén é salientábel que no reparto do denominado Fondo de Tarifa, unha partida que se distribúe anualmente entre as Comunidades Autónomas para a mellora de calidade do subministro eléctrico, vemos que, cos criterios establecidos polo Goberno do Estado, Galiza recibe menos fondos que a porcentaxe de poboación que ten.

É dicir, somos excedentarios na produción eléctrica, padecemos os custes sociais e ambientais, mais logo, vía tarifas, somos discriminados negativamente. Esta é unha situación anacrónica que os partidos políticos estatais en Galiza sempre agochan.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]