Quintana aos mozos: “A verdadeira rebeldía intelectual é optar por Galiza o 9M”

O portavoz nacional do BNG amosa a súa confianza en que “os mozos e mozas galegos non lle van dar as costas a Galiza”

Quintana saúda a Iria Aboi

Pontevedra, 1 Marzo 08.- O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, asegurou este mediodía nun xantar con 650 mozos e mozas que o “verdadeiro acto de rebeldía intelectual non é apoiar a Rajoy ou Zapatero, senón optar por Galiza e polo BNG o 9 de marzo”.

O líder nacionalista fixo en Pontevedra un chamamento masivo á mobilización de todos os mozos e mozas galegos para “converter ese sentimento de envexa cara os logros acadados por vascos e cataláns en sentimento positivo”, neste sentido afirmou que, “non basta con sentilo, hai que votalo!”

Quintana lembrou a importancia de “non pensar no que pode facer o país por nós, senón o que podemos facer nós polo país”Na súa intervención previa ao xantar, Quintana asegurou que “podemos facelo e, de feito, xa o estamos a facer, xa estamos a gañar a batalla das ideas”. Entre as probas desta victoria, o portavoz nacional destacou o pago da débeda histórica que Madrid ten contraído con Galiza e que xa empezou a pagar, “grazas á negociación do BNG”, ou o compromiso de investir máis do 8% do total destinado a infraestruturas no noso país.

Tamén aludíu o portavoz nacional ao debate celebrado na TVG esta semana, “houbo debate grazas ao BNG. De feito”, lembrou, “Feijóo xa dixo que non quere debater co BNG, que quere debater só co PSOE. Se quere debater co PSOE, que se presente por Murcia”, concluíu.

Anxo Quintana lembrou a importancia de “traballar até o vindeiro día 9 e “non pensar no que pode facer o país por nós, senón o que podemos facer nós polo país” e amosou a súa confianza en que “a xuventude galega non nos vai dar as costas e vai facer da do día 9 unha votación histórica na que Galiza vai ter peso no estado”.

O portavoz nacional estivo precedido na súa intervención pola secretaria xeral de Galiza Nova e candidata ao Senado, Iria Aboi, e a candidata Olaia Fernández Davila, que fixeron tamén senllos chamamentos á participacion da mocidade nos comicios do día 9. Aboi apelou ao espírito de “Nunca Máis” e pedíu a todos e todas as presentes a “erguer un berro unánime contra a neglixencia e a marxinación, como fixemos os mozos e mozas galegas daquela”.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]