O BNG valora as modificacións do Plano Acuícola pero considéraas "insuficientes"
Bieito Lobeira, nunha intervención parlamentar
Santiago de Compostela, 3 Marzo 08. Bieito Lobeira, portavoz de Pesca do BNG, asegura que a decisión da Consellaría de Pesca de revisar o Plano Acuícola para descartar a construción de cinco piscifactorías e reducir o tamaño doutras oito é “moi positiva, porque este goberno, que non é o de Fraga Iribarne, escoita á sociedade galega e non actúa con autoritarismo, porque as cousas non se resolven chamando aos antidisturbios nin comprando á xente”. Nesa liña destacou o papel xogado polos movementos veciñais, ecoloxistas e sociais “e polo propio BNG” nesta revisión anunciada hoxe. “Moitos destes cambios se deben a informes presentados pola consellaría de Cultura referidos á conservación do patrimonio cultural e arqueolóxico”, sinalou.
"Pensamos que tamén se deben suprimir as piscifactorías de Laxe Brava, A Xandriña, Arou-Camelle e Seiruga"O deputado nacionalista interveu hoxe na comisión oitava do Parlamento Galego, onde pediu a retirada das piscifactorías de Laxe Brava e Couso-Aguiño en Ribeira. Orelludas en Oia, A Xandriña-Camelle, Arou-Camelle, e Seiruga en Malpica. Así mesmo, pediu o redimensionamento da piscifactoría de Merexo en Camariñas para que non afectase a elementos patrimoniais. Posteriormente, o director xeral de Pesca anunciou a retirada de varias piscifactorías do Plano, entre elas a de Couso-Aguiño, así como a revisión do tamaño da de Orelludas.
Lobeira considera que “é un avance que se tivesen en conta as alegacións a estas plantas, pero pensamos que tamén se deben suprimir as piscifactorías de Laxe Brava, A Xandriña, Arou-Camelle e Seiruga”. Na súa intervención en comisión, o deputado destacou o número de alegacións presentadas a estas plantas. Destacou que “o Plan non está aprobado, hai moitos aloxamentos sometidos ao principio de cautela por motivos patrimoniais”. “O BNG segue defendendo a vía do diálogo”, concluíu.
"O BNG non quere volver ao modelo de acuicultura mafioso e caciquil do PP"Criterios para a planificación acuícola
O tamén viceportavoz do BNG no Parlamento Galego destacou que esta fora política “non se opón ao Plano Acuícola no seu conxunto”, porque considera necesario “unha planificación pública e galega da actividade acuícola, para evitar moitas das aberracións feitas durante o goberno Fraga”. “O BNG non pretende volver aos comportamentos mafiosos e caciquís do PP, pero consideramos que a oposición social ao Plano Acuícola debe ser escoitada”, asegurou.
Para o BNG, os contratos para as novas planta acuícolas deben ter en conta cláusulas que contemplen “a depuración dos vertidos” e guiarse por un criterio de sustentabilidade. Isto veríase reflectido na minimización do impacto ambiental e paisaxístico e na promoción do emprego estábel nas comunidades onde se instalan. Ademais, Lobeira sinalou a necesidade de impulsar a investigación científica en acuicultura para evitar o monocultivo de peixes planos.

