Quintana dá por finiquitados os convenios para a integración das escolas infantís na rede de Galescolas, tras as críticas dos alcaldes do PP
O vicepresidente remitiu unha misiva aos oito alcaldes comunicándolles que acepta o modelo que lle propoñen e garantíndolles que recibirán as subvencións do ano 2005 cos respectivos incrementos do IPC que piden
Santiago de Compostela, 7 Maio 08.- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, desvinculou aos concellos de O Pino, O Rosal, Vilamartín de Valdeorras, Muíños, Antas de Ulla, As Neves, Lousame e Riós dos convenios asinados o pasado 29 de abril para a integración na rede Galescola das escolas infantís destes municipios, tras as críticas feitas a semana pasada por parte dos seus alcaldes, do Partido Popular, ao acordo conveniado, tres días despois de telo asinado. Nunha misiva, Quintana dá así por finiquitado o convenio con estes oito concellos e a Vicepresidencia dá marcha atrás na integración das súas escolas infantís na rede Galescola.
Na mesma carta, o vicepresidente lémbralles a estes alcaldes que “ao igual que dous non pelexan se un non quere, tampouco dous poden acordar se a un lle desagrada”, como parece desagradarlle aos rexedores do PP destes oito municipios polas declaracións que fixeron criticando os convenios tan só tres días despois de telos rubricado.
Neste senso, o vicepresidente xa comunicou a estes alcaldes que acepta o modelo por eles proposto na rolda de prensa que ofreceron xunto ao secretario xeral do seu partido tres días despois da sinatura do convenio: a publicación de ordes de subvencións anuais, a presentación de propostas pola entidade local e a concesión de axudas en base aos créditos dispoñibles.
Para desactivar os temores que ao parecer teñen estes alcaldes, Quintana comprometeuse con eles a garantir que o montante global das axudas que reciban dende o departamento autonómico terán como referencia o percibido por estes concellos no ano 2005 (que eles consideran de referencia), cos respectivos incrementos do IPC.

