Quintana: "Galiza ten dereito a ter unha relación de ti a ti co Estado"
Un momento da reunión
Santiago de Compostela, 8 Maio 08.- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, trasladou hoxe aos grupos parlamentares galegos a proposta que levará a Madrid para a reforma da Comisión Bilateral de Cooperación. O vicepresidente sinalou, ao termo da xuntanza, que se trata de cambiar o regulamento deste órgano para ampliar as súas competencias, de xeito que non quede unicamente destinado á resolución de conflitos competenciais senón que pase a ser unha auténtica comisión bilateral de relación entre Xunta e Goberno do Estado.
Quintana recalcou que a importancia do cambio radica en "institucionalizar a relación bilateral entre Galiza e o Estado". En palabras do vicepresidente, para Galiza é unha aspiración "lexítima e irrenunciable" ter unha relación de ti a ti co Goberno do Estado porque "esa é a esencia do autogoberno". Ao respecto, sinalou que, malia ás polémicas, "aínda non teño escoitado a ninguén, a ningunha forza política, que isto non sexa bo para Galiza". Neste senso, dixo que, como todo instrumento, despois haberá de utilizalo "acaidamente, coa ponderación necesaria e nos momentos oportunos", pero posuír ese instrumento é bo para Galiza: "Galiza precisa, ten dereito, a ter unha relación bilateral de ti a ti co Estado. É necesario para os intereses do País e para os intereses da cidadanía galega", remarcou.
O vicepresidente explicou que a modificación do regulamento desta Comisión non sería precisa se Galiza xa tivera un novo Estatuto de nación, posto que como lei orgánica debería incluír no seu articulado o establecemento dunha comisión bilateral deste tipo e Galiza tería institucionalizada xa esa relación bilateral. En ausencia do novo Estatuto, o vicepresidente aclarou que o regulamento pódese cambiar de xeito "sinxelo" só por acordo das dúas partes, do Goberno do Estado e do Goberno galego, que xa están na Comisión Bilateral de Cooperación. Non precisa, por tanto, de ningún acordo parlamentar, nin do Congreso dos Deputados nin do Parlamento Galego, nin precisa tampouco de ningún decreto nin fórmula xurídica do Goberno do Estado ou do Goberno galego, simplemente precisa da vontade das dúas partes. "É tan sinxelo como que un día se reúna a Comisión en Madrid, da que forman parte o Goberno do Estado e o Goberno galego, e tomen a decisión e cambiar o regulamento e en lugar de rexerse polo antigo pasar a rexerse polo novo", aclarou.
Quintana dixo entender que isto "ten unha profundidade política e que agora mesmo non é a prioridade do Goberno do Estado, pero creo que é bo que a ministra coñeza a nosa posición, que teña a nosa proposta, e esperaremos a que haxa o momento político acaído para podela levar adiante". O vicepresidente galego insistiu en que non se trata de inventar a relación bilateral, porque a relación bilateral xa existe hoxe, senón de institucionalizala para que non dependa da vontade política das partes e estea obrigada legalmente: "Ese é o gran salto que queremos dar e ese é un salto positivo para Galiza". Neste camiño, Quintana engadiu que haberá que ter paciencia e perseverancia e dixo que "isto en ningún caso pode perturbar as relacións co Goberno do Estado e que dende logo non vai cambiar as prioridades que son, como é lóxico, que Galiza teña máis competencias e que o paquete competencial se traspase canto antes".
O vicepresidente explicou que á proposta de modificación do regulamento que el levou á xuntanza de hoxe se engadirá un punto –que xa estaba enunciado aínda que doutro xeito– a petición do PP, para que quede especificado que unha das funcións desa Comisión deberá ser o seguimento da execución das infraestruturas en Galiza.

