O Consello da Xunta aproba o decreto da consellaría de Innovación e Industria que regula os furanchos
Santiago de Compostela, 8 Maio 08. O Consello da Xunta vén de aprobar o decreto mediante o cal a Consellaría de Innovación e Industria regula a ordenación dos establecementos de restauración denominados furanchos. Neste decreto –elaborado en colaboración coa Consellaría do Medio Rural, que posúe as competencias sobre a produción do viño– recóllese que os furanchos pasan a ser un novo grupo de establecementos turísticos de restauración, diferenciándose dos xa existentes de bares, cafeterías e restaurantes. Coas medidas que se introducen agora, permitirase adaptar a normativa ás súas características propias de especialización e temporalidade.
Segundo este novo texto, os furanchos deberán cumprir uns requisitos mínimos como que os establecementos teñan iluminación e ventilación, que o viño no sexa embotellado senón procedente de barril e que os alimentos que se acompañen cumpran unhas normas mínimas de etiquetaxe e procedencia, sen que poidan ser elaborados no propio local. Ademais de cumprir coa normativa turística, os furanchos estarán suxeitos ás normas municipais que lle sexan de aplicación, o que ofrecerá garantías de igualdade de oportunidades en relación a outro tipo de establecementos, ao tempo que se crean garantías aos clientes e no propio sector.
A parte destes requisitos, os furanchos deberán cumprir outros controis, como a obrigatoriedade de acreditar cada ano a declaración de produción de viño realizada ante a Consellaría de Medio Rural. Con isto garántese que a procedencia do viño comercializado é o de cada establecemento, aportando un valor adicional a un produto tan típico como son os viños “da casa”. Ademais, os furanchos deberán obter autorización de apertura e clasificación turística, que será concedida pola Consellaría de Innovación e Industria, a través da que se supervisará, entre outras cuestións, o seu período de funcionamento, a exhibición dos prezos aos clientes, as follas de reclamacións ou as condicións de accesibilidade. Para unha maior seguridade na prestación dos servizos por parte dos furanchos establécese a existencia dunha póliza obrigatoria de responsabilidade civil. Por último, os furanchos deberán obter para a súa actividade unha autorización por parte dos concellos, ao igual que o resto de establecementos hostaleiros.

