O Consello Nacional aproba pequenas mudanzas na Executiva Nacional

Reunión do Consello Nacional

Santiago de Compostela, 10 Maio 08. Galiza ten perante si dous reptos no momento actual: facer fronte á crise económica e “gañar a negociación en Madrid sobre o financiamento autonómico”. Así llo indicou aos xornalistas o coordenador executivo da frente nacionalista, Francisco Jorquera, quen compareceu en rolda de imprensa para dar a coñecer os acordos adoptados polo Consello Nacional.

O máximo órgao do BNG entre asembleas, reunido esta mañá no Hotel Congreso, analisou o actual momento político e procedeu tamén a aprobar unha pequena remodelación da Executiva Nacional.

O Consello Nacional tomou coñecimento da baixa na Executiva Nacional, a petición propria, de Clara Millán. A alcaldesa de Cangas será substituída ao frente da Secretaria de Finanzas por Carlos Aymerich, quen se incorporá así ao órgao executivo do BNG. A remodelación complétase co intercambio de responsabilidades entre Ánxela Bugallo e Francisco Rodríguez: aquela pasa a desempeñar a Secretaria de Formación e este, a de Acción Institucional.

Os cambios operados na Executiva Nacional, e que foron propostos pola dirección frentista, foron aprobados polo Consello Nacional cun 78 por cento de votos afirmativos, fronte a un 19 por cento de votos contrarios e un 1,5 por cento de abstencións.

“Son cambios que veñen dados polas ocupacións políticas das persoas afectadas. No caso de Clara Millán, pola intensa dedicación á que a obriga a Alcaldía, dificilmente compatíbel cunha tarefa de dirección no órgao executivo”, explicou Jorquera.

Sobre a crise económica

Sobre a crise económica, o Consello Nacional entende -explicou Jorquera- que é “o momento de dar a cara”. “Pensamos que non é o momento de non aparecer. É o momento de asumir as responsabilidades proprias. Algo que non está a facer o Goberno central”, dixo Jorquera.

"É o momento de asumir as responsabilidades proprias. Algo que non está a facer o Goberno central”En contraposición a esta atitude abandonista do Goberno central, o nacionalismo, desde o Goberno galego, está a impulsar “políticas públicas para facer fronte á crise”.

“Estamos a impulsar decididamente os sectores produtivos estratéxicos de Galiza. Velaí temos a iniciativa de inxectar 200 millóns de euros no Medio Rural para dinamizar o sector primario ou de lanzar o Plano Sectorial de Vivendas Protexidas para construír até 40.000 moradas”, remarcou o dirixente nacionalista, quen baixou aínda máis ao miúdo e fixo un relatorio doutras actuacións do goberno nacionlasita: a ordenación do sector eólico, que levará aparellado un investimento de até 13.000 millóns de euros nos vindeiros oito anos, e a inxección de máis de 200 millóns no Plano de Promoción do Solo Industrial.

“Nós non ficamos quietos. Temos unha atitude proactiva, para pór o país en valor e evitar que máis unha vez sexa o pagano dunha crise económica”, relatou.

Financiamento autonómico

A respecto do financiamento autonómico, Jorquera fixo un chamamento a PP e a PSOE para que conciban este asunto como un asunto de Estado para Galiza. “Se temos un posición de país, se damos articulado consensos, Galiza poderá gañar en Madrid a batalla do financiamento autonómico”.

A posición de país debe ser unha posición “desacomplexada” e que parta da evidencia de que “temos capacidade para sufragar os nosos gastos cos nosos proprios recursos”, dixo. “É falso que Galiza viva da solidariedade estatal. E iso téñeno que saber os galegos e as galegas. Por iso non lle temos que ter nengún medo a este debate”, engadiu.

fresqui  delicious  digg  technorati  yahoo  meneame  chuza 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]