O BNG condena o execrábel atentado de Álava e chama á unidade de todas as forzas democráticas para a derrota de ETA

A banda terrorista ten que entender dunha vez por todas que o seu único horizonte é o da súa definitiva disolución e o da entrega das armas

Santiago de Compostela, 14 Maio 08. O Bloque Nacionalista Galego quer expresar a súa máis enérxica condena perante o execrábel atentado cometido esta madrugada por ETA contra unha casa cuartel da Guardia Civil en Legutiano (Álava), infelizmente saldado coa morte do guardia civil Juan Manuel Piñuel Villalón e con feridas de diversa consideración para outros catro membros deste corpo de seguridade.

É momento de manifestar a solidariedade coa familia e achegados de Juan Manuel Piñuel e demais vítimas desta nova mostra de barbarie terrorista que repugna a conciencia de todos os demócratas e tamén os valores pacifistas do noso pobo, o pobo galego.

O BNG chama a unidade de todas as forzas políticas representadas no Parlamento do Estado para conseguir a definitiva derrota de ETA. A banda terrorista ten que entender dunha vez por todas que o seu único horizonte é o da súa definitiva disolución e o da entrega das armas, porque a violencia non só constitúe unha intolerábel violación dos dereitos humanos, senón que é a antítese da democracia.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]