Vicepresidencia aposta pola prevención e a permanencia dos menores no ámbito comunitario no contexto do Plan Estratéxico da Infancia e a Adolescencia 2007-2010
Vicepresidencia pretende incrementar nun 30% os acollementos familiares e reducir os internamentos
Santiago de Compostela, 14 Maio 08.- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, repasou hoxe traballo realizado dende a Vicepresidencia en materia de menores, destacando o papel fundamental do Plan Galego de Infancia e Adolescencia 2007-2010 elaborado polo departamento autonómico. Quintana asegurou que este Plan responde a “un cambio profundo de óptica” nestas políticas, na súa aposta pola prevención e no seu compromiso pola normalización e a permanencia dos menores no ámbito comunitario co potenciamento das medidas alternativas ao internamento.
O vicepresidente galego valorou esta tarde, nunha pregunta oral no Pleno do Parlamento, o informe do Valedor do Pobo “Menores vulnerables: desprotección e responsabilidade penal” como unha ferramenta útil para avanzar no compromiso coa infancia e a adolescencia que ten asumido a Vicepresidencia: conseguir a máxima efectividade na protección integral do menor, a prevención dos riscos e a defensa dos seus dereitos. O estudo do Valedor describe a situación dos menores en Galiza no ano 2006, un momento de transición no que se marca, segundo Quintana, “un punto de inflexión” entre a herdanza deixada polo anterior Goberno e as primeiras medidas emprendidas pola Vicepresidencia.
O Vicepresidente explicou no pleno parlamentar que se está a impulsar o acollemento familiar como principal recurso para menores en réxime de protecciónO informe pon de relevancia a magnitude do ámbito dos menores, non só polos 5.000 expedientes de menores protexidos nos que traballa a administración galega, senón polos máis de 400.000 menores (16% da poboación) que viven en Galiza. Ao respecto, Quintana afirmou que “neste ámbito os esforzos nunca son suficientes e non cabe a autocompracencia”.
Quintana fixo un repaso da situación herdada en 2005, cando estatisticamente Galiza era unha das CCAA que máis tutelaba, que máis menores internaba e que máis tempo tiña aos menores nos centros, segundo datos do Ministerio. “Cando asumimos esta responsabilidade non existía un plan director de infraestruturas como tal, senón un relatorio de programas sen coherencia; a dotación de medios humanos e técnicos era insuficiente e a indeterminación das accións, a tónica”, asegurou.
Plan Estratéxico Galego da Infancia e Adolescencia 2007-2010
Fronte a esa situación, unha das primeiras medidas desenvolvidas pola Vicepresidencia foi activar unha estratexia orientada a ordenar, direccionar e aumentar os esforzos neste campo, que tivo súa concreción na aprobación do Plan Estratéxico Galego da Infancia e Adolescencia 2007-2010. Trátase, segundo explicou o vicepresidente, dun Plan que traballa non só no presente, no nivel de resposta aos menores vulnerables, senón que fai unha aposta efectiva pola prevención como arma de futuro. Así mesmo, indicou que é un Plan dirixido ao conxunto do país, que atende ao universo da infancia e da adolescencia, pero tamén á realidade das familias, en todo o seu diverso abano de tipoloxías. En terceiro lugar, salientou que é un instrumento que avoga polas medidas alternativas ao internamento e que está absolutamente comprometido coa normalización e a permanencia dos menores no ámbito comunitario.
Quintana adiantou as novas actuacións do seu departamento na materiaAcollemento
En consonancia con estas directrices, o vicepresidente explicou que se está a impulsar o acollemento familiar como o principal recurso para os menores en réxime de protección, co obxectivo é conseguir para o ano 2010 que esta figura experimente un aumento do 30%.
Neste camiño, indicou que os esforzos a prol da prevención xa están dando resultados, na forma dunha redución sistemática dos índices de institucionalización. Así, entre 2006 e maio de 2008, tense producido unha diminución do número de menores tutelados, pasando dos 1.601 de 2006 aos 1.515 da actualidade. Na mesma liña, deuse unha redución dun 22% no número de menores en situación de garda (dos 305 de decembro de 2006 aos 236 rexistrados actualmente) e do número de menores internados en centros de protección (dos 885 de 2006 aos 802 actuais). No tocante ao propio acollemento familiar, rexistrouse un incremento dun 46%, con 1.757 menores acollidos hoxe fronte aos 1.202 de setembro de 2006.
Avances
O estudo do Valedor detalla as principais fortalezas do sistema de protección e apunta, ao mesmo tempo, os elementos que deben ser reforzados, establecendo propostas concretas de mellora que o vicepresidente valorou e que afirmou ter en conta para próximas actuacións. Ao mesmo tempo, Quintana sinalou que algunhas das carencias detectadas xa estaban en proceso de mellora no momento de elaboración do informe, polo que deu conta dalgúns dos avances rexistrados.
En primeiro lugar, explicou que se ten procedido xa a unha nítida separación dos réximes de reforma e protección, e ao peche do Xoán Vicente Viqueira , que deu en considerar “o símbolo máis gráfico da política exercida polo PP”. No mesmo senso, creáronse novos recursos: unha casa de familia en O Barco de Valdeorras e o centro de día “Andén 95” na provincia de Ourense, xestionado pola Asociación “Centro Trama”. Por outra banda, o vicepresidente sinalou que se incrementou a contía do programa de acollemento familiar e apuntou tamén que se foi establecendo un incremento gradual dos prezos das prazas de internamento, que acada entre 2007 e 2008 unha suba do 65% bruto.
Tamén apuntou a ampliación da cobertura de atención psicolóxica na rede de centros de reeducación. Avanzouse, así mesmo, na garantía do dereito dos menores sometidos a medidas xudiciais de internamento a recibiren ensino básico e obrigatorio, coa sinatura en 2007 do Acordo de Colaboración entre a Vicepresidencia e a Consellería de Educación en materia de ensino non universitario en centros de reeducación. No mesmo ámbito, reforzáronse os recursos para o cumprimento de medidas xudiciais en medio aberto, e puxo como exemplo o convenio asinado con ADIF en 2007 para a colaboración na execución das medidas xudiciais de prestacións en beneficio da comunidade nas catro provincias. En terceiro lugar, lembrou que se abriron novos escenarios de acción, co programa para Nenos con síndrome do Emperador.
Novas actuacións
Na súa intervención, o vicepresidente adiantou as novas actuacións que está a desenvolver o seu departamento. En relación aos recursos para a execución de medidas xudiciais en medio aberto, Quintana anunciou a posta en marcha de 2 medidas previstas no Plan Estratéxico. A primeira é a entrada en funcionamento, no segundo semestre de 2008, do Centro de Intervención e Execución de Medidas Xudiciais en medio aberto (CIENMA) na provincia da Coruña. No ámbito da atención aos menores con medidas xudiciais de convivencia con persoa, familia ou grupo educativo como consecuencia dun delito de violencia no ámbito familiar, informou que se está en proceso de adquisición de 4 vivendas en Santiago e Vigo, os primeiros equipamentos da futura rede de Pisos Convive.
Para avanzar na prevención, a Vicepresidencia traballa para mellorar os sistemas de detección e notificación das situacións de desprotección. Así, xunto ás campañas recentemente activadas para promover o coñecemento e uso do teléfono da infancia, trabállase na creación do rexistro unificado de maltrato infantil, un instrumento centralizador e decisivo que implicará a todas as áreas: aos servizos socias, á sanidade, á educación e aos corpos de seguridade.
Quintana tamén indicou que dende a Secretaría Xeral do Benestar búscase fortalecer a coordinación neste eido, tanto interna, a través do Protocolo único de intervención en desprotección infantil que servirá para promover o traballo en rede, a uniformidade de criterios e a máxima coordinación interna entre todos os profesionais de intervención; como externa, mediante a posta en marcha do Observatorio Galego da Infancia, un órgano consultivo de coordinación, supervisión e asesoramento que vai servir de canle central de diálogo e coordinación.

