Quintana anima ao mundo da empresa a sumarse ao galego como marca diferencial para os seus produtos
O vicepresidente participou hoxe nun almorzo organizado pola Fundación Galicia Empresa
Santiago de Compostela, 15 Maio 08.- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, participou hoxe en Santiago nun almorzo cos principais empresarios do país convidado pola Fundación Galiza Empresa. Quintana aproveitou esta cita, nunha data tan próxima ao 17 de maio, para poñer de relevancia un dos fins desta Fundación, que é a promoción do galego no mundo empresarial.
O vicepresidente asegurou que o grande paso que temos que dar en Galiza é “seducir” ao conxunto da poboación de que o galego é un idioma que vale para todo: “As mellores cousas que se poden facer nesta vida pódense facer en galego”, dixo Quintana.
Ademais, o vicepresidente destacou o valor do noso idioma como sinal de identidade e animou ao mundo da empresa nesta dirección, porque “sumándose ao galego non só lle fai un servizo ao país, senón tamén ás propias empresas”. Quintana lembrou que Galiza é “un produto de calidade cunha marca diferenciada”: “Sermos galegos é algo que nos dota xa dunha marca diferenciada, e o idioma galego é unha marca con prestixio e querida en todo o Estado, en Europa e no mundo”.
Resposta ao PP
A preguntas dos xornalistas sobre as novas críticas vertidas pola dirección do PP respecto do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Quintana lembroulle a Alberto Núñez Feijóo que o futuro das institucións é a colaboración. “Hai servizos esenciais para a cidadanía que só se poden prestar ben se se fai a través da colaboración institucional”, dixo, e engadiu ao respecto que “o minifundio institucional non conduce a nada”. Por iso, destacou que ”haberá unha rede pública de escolas infantís forte e de calidade se o facemos conxuntamente Xunta e concellos, e haberá unha rede de benestar forte e de calidade se tamén se fai así”.
O vicepresidente lembrou que a historia de ata agora, na que cada un traballaba polo seu lado, deu como resultado que non temos unha rede pública. Neste senso, apuntou que o futuro é a colaboración, “que é o que fai o Consorcio, e por iso hai 250 concellos galegos xa integrados”.
Ao respecto das críticas vertidas polo PP sobre este organismo, Quintana advertiu que “se pode enganar moito tempo a unha persoa ou un día a moitas, pero non pode ser que 250 se equivoquen”, e por iso convidou ao presidente do PPdeG a que “reflexione” a este respecto.

