Galiza Nova desprega unha faixa na catedral en defensa do galego
Iria Aboi chama á mocidade galega a comprometerse coa lingua
Santiago de Compostela, 15 Maio 08. Galiza Nova, a organización de mocidade do BNG comezou esta mañá a súa campaña de actos en defensa da lingua, que continuará con outras accións no resto do país. Un grupo de mozas e mozos colocaron unha faixa na fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago, co lema “En Galiza, en galego. Temos dereito”
En declaracións aos medios de comunicación, Iria Aboi realizou un “chamamento á mocidade galega para que se comprometa coa lingua: no ensino, no lecer, no deporte e no emprego e a que reivindique e esixa os seus dereitos lingüísticos diante das administracións públicas”. Así mesmo, chamou aos mozos e mozas galegos a participar na manifestación convocada pola Mesa o vindeiro 18.
Iniciativa parlamentar para fomentar o galego no comercio
Iria Aboi destacou a iniciativa parlamentar aprobada onte para fomentar o galego no comercio e salientou a importancia de que os consumidores poidan ser atendidos no idioma do país.

