Galiza amosa o mellor da cultura do mar no seu día grande na Festa Internacional Marítima de Brest

Ánxela Bugallo co alcalde de Brest

Brest, 16 Xullo 07. Galiza amosa hoxe ao mundo o mellor da súa cultura do mar na Festa Marítima Internacional de Brest, o maior evento internacional deste tipo, que se celebra cada catro anos nesta cidade bretoa. A programación especial do Día de Galiza arrancou ás 11 da mañá co acto institucional no que participou a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, xunto co alcalde de Brest, François Cuillandre, e o vicepresidente da Federación Galega da Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF), Víctor Fernández. A xornada dedicada a Galiza supón un recoñecemento ao seu papel de país convidado de honra nesta edición da festa.

Ánxela Bugallo explicou a fonda relación que une a Galiza co mar, desde o punto de vista cultural, social e económico. "O mar é fonte da nosa economía, do noso traballo, xerou oficios e industria e aínda hoxe supón unha vía de riqueza para a nosa terra. Pero o mar é tamén cultura e patrimonio, sabedoría transmitida de xeración en xeración e que hoxe presentamos con gabanza nesta festa de Brest na que nos enchemos de orgullo de ser convidados de honra".

Bugallo agradeceu o esforzo realizado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial por manter vivo este patrimonioA conselleira tamén resaltou os lazos que unen ao noso país e Bretaña, e agradeceu ás autoridades do país anfitrión por convidar a Galiza a ocupar un lugar tan destacado na Festa Marítima Internacional. Bugallo agradeceu o esforzo realizado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial por manter vivo este patrimonio que ao longo desta semana se amosou ao mundo en Brest.

O alcalde de Brest resaltou que hoxe se podía comprobar que Galiza e Bretaña non están tan lonxe, como países curmáns cun pasado celta en común. Sinalou que na Festa Marítima Internacional de Brest teñen cabida os países que, como Galiza, teñen a cultura marítima como parte importante da súa cultura.

Pola súa parte, o vicepresidente da FGCMF, Víctor Fernández, subliñou que "a presenza galega en Brest foi un dos nosos maiores retos. Nunca antes levaramos tantos barcos tan lonxe para representar a nosa cultura, e creo que demos un exemplo claro de como traballar en colectivo". Fernández agradeceu á conselleira "o esforzo da Consellaría de Cultura nestes últimos anos para realizar un traballo conxunto e lograr que sexa recoñecida a cultura marítima e fluvial de Galiza".

Botadura da dorna

Ao acto institucional acudiron ademais do alcalde da cidade e da conselleira de Cultura, a directora xeral para o Deporte, Marta Souto; e o secretario xeral de Medio Rural, Alberte Souto, responsables do goberno bretón e representantes de outros países convidados, como Croacia e Noruega. Ao rematar o acto fíxose unha visita ao Village Galice, que concluíu coa botadura da dorna que construíu un carpinteiro de ribeira durante estes días en Brest á vista dos numerosos visitantes que se achegan a coñecer as particularidades da cultura marítima galega.

Os mariñeiros máis novos e os máis veteranos da expedición galega levaron a peso a dorna ata a beira do marOs mariñeiros máis novos e os máis veteranos da expedición galega levaron a peso a dorna ata a beira do mar. Alí os veteranos pasáronlle o relevo aos novos, para simbolizar que eles son os encargados de preservar a nosa cultura marítima. Dous rapaces foron os encargados de erguer as velas e facer navegar a dorna.

Desfiles e concerto

A nova dorna leva como nome "Jaivota", en homenaxe a unha coñecida imaxe do fotógrafo galego José Suárez. Esta dorna, símbolo da cultura marítima galega, participará xunto cos outros 25 barcos da expedición galega nos dous desfiles por mar comentados por megafonía que protagonizarán as nosas embarcacións. O primeiro desenvolverase desde as 14:30 horas e o segundo desde as 17:00 horas. A frota galega en Brest representa a diversidade do noso patrimonio ligado ao mar e aos ríos. As embarcacións desfilarán ao longo do peirao de Brest para que poidan ser contempladas por todos os visitantes. O desfile repetirase logo á noite, cando as embarcacións galegas encabezarán un desfile de veleiros europeos que contará con iluminación e música ambiente.

As actividades prolongaranse en terra. Pola tarde Leilía impartirá unha nova lección de baile tradicional no obradoiro diario que tanta atención está a atraer entre os visitantes á festa. De seguido, será o momento da colaboración musical entre músicos galegos e bretóns. Músicos dos dous países ofrecerán un concerto e un baile conxunto no escenario xeral da Festa Marítima. A música volverá despois ao espazo galego cun concerto conxunto entre Leilía e Treixadura.

1 millón de visitantes

Esta celebración acolle a preto dun millón de visitas e na que traballan 6.000 voluntariosA Festa Marítima Internacional é un evento que ten lugar cada catro anos e no que participan 2.000 embarcacións tradicionais, antigas, clásicas e actuais de países de todo o mundo e 15.000 mariñeiros. Todo o porto desta cidade, duns 150.000 habitantes, participa nunha celebración que acolle a preto dun millón de visitas e na que traballan 6.000 voluntarios.

Nesta edición, que comezou o pasado día 11 de xullo, as actividades, exposicións e concertos da delegación de Galicia espertaron un crecente interese entre o público, o que culminou na xornada de hoxe, na que a cultura e patrimonio marítimo e fluvial do noso país situouse como auténtico protagonista do maior evento mundial de cultura marítima.

fresqui  delicious  digg  technorati  yahoo  meneame  chuza 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]