Jorquera: "Non aceptaremos que se maree a perdiz para non reformar a tempo o voto emigrante"
Francisco Jorquera
Santiago de Compostela, 16 Xullo 08. Francisco Jorquera compareceu en rolda de prensa para explicar a solicitude de comparecencia da vicepresidenta primeira para interpela ao goberno sobre a súa vontade “de presentar un proxecto de lei para a reforma do voto emigrante”. O portavoz nacionalista en Madrid asegurou que o BNG non aceptará “que se maree a perdiz” para encubrir a ausencia de vontade de reformar o voto emigrante.
"Foi fundalmente grazas á iniciativa nacionalista que a vicepresidenta aceptou comparecer ante a comisión constitucional do Congreso"“O acontecido onte é unha evidencia de que a presenza do BNG no Congreso dos Deputados é decisiva para que Galiza e os seus intereses sexan tidos en conta na política estatal. Foi fundalmente grazas á iniciativa nacionalista que a vicepresidenta aceptou comparecer ante a comisión constitucional do Congreso”, asegurou. Lembrou que o BNG recabou apoios entre os distintos grupos para forzar a comparecer a De la Vega e que o PSOE acabou solicitando a comparecencia a petición propia para evitar aparecer en minoría.
“Cos seus dous escanos, o BNG está conseguindo que asuntos claves para o país formen parte da axenda política estatal”, dixo. Porén, quedan varios interrogantes por despexar, debido ás declaracións no debate de onte da portavoz do PSOE e da vicepresidenta, vinculando esta reforma cunha modificación máis ampla da lei electoral. “Hai vontade política real de acometer unha reforma urxente e imprescindíbel para salvagardar a calidade da democracia?”, preguntou.
Nesa liña, Jorquera asegurou que non aceptará: “que se pretenda marear a perdiz, facer maniobras de despiste para encubrir a ausencia dunha vontade real de realizar a reforma, subsumindo unha reforma puntual da lei electoral como é homologar o procedemento de voto dos residentes ausentes cos residentes do interior nunha reforma da lei electoral moito máis profunda e complexa”.
Máis obxeccións do PSOE
Criticou tamén as declaracións no debate da comisión realizadas pola portavoz do PSOE, facendo refencia á necesidade de “consenso”. “Miren, señores do PSOE, o Parlamento Galego, que representa ao territorio onde ten máis influencia o voto dos residentes ausentes vén de aprobar por unanimidade unha iniciativa para que os emigrantes voten en urna.” “No 2009 vai haber eleccións galegas e europeas e para o BNG é de urxencia preservar a limpeza dos procesos democráticos”. “Cando se fala de talante queremos velo en feitos, e estes feitos non se corresponden co talante ao que tanto se refire o presidente do goberno”, destacou.
"Que máis consenso precisan, señores do PSOE?"Tamén desmontou a obxección da suposta complexidade feita pola portavoz socialista, ou a necesidade de “cambios constitucionais” -algo totalmente falso, segundo Jorquera-. O portavoz do BNG lembrou que “estamos afeitos a ver en televisión como os inmigrantes no Estado español votan en urna nos procesos electorais dos seus países e estamos a falar de estados con menos recursos técnicos e de países con sistemas democráticos menos estábeis”.
“Que máis consenso precisan? A non ser que sexan vostedes os que non participan do consenso”, reiterou Jorquera.
“Nós imos ser moi esixentes na comparecencia da vicepresidenta. Imos reclamar compromisos concretos e executivos; é dicir, que o goberno central asuma os contidos da Lei orgánica emanada do Parlamento Galego e presente, todo o máis tarde na primeira quincena de setembro un proxecto de lei no Congreso”.
“Se o PSOE non fai iso é porque di unha cousa na oposición e outra no goberno, e porque sabe que os votos emitidos sen control a quen favorecen é ao partido no poder”, enfatizou. “Faría ben o PSOE en reflexionar sobre estas actitudes”, asegurou e recordou a minoría parlamentar na que se atopa.
Posteriormente, a preguntas dos xornalistas, recordou que xa hai varias leis e pronunciamentos do Congreso que instan a reformar a lexislación do voto emigrante, a última delas o Estatuto dos españois no exterior. Tamén asegurou que non haberá problemas en “dialogar co PP para acadar un acordo en cuestións coma esta, porque se trata da defensa da democracia”. Lembrou que o BNG xa falou cos demais grupos da Cámara, incluído o PP, para que a vicepresidenta compareza.
Comisión do AVE
Preguntado sobre a non constitución da subcomisión de seguemento das obrs do AVE, afirmou que “a actitude manifestada pola ministra de Administracións Públicas é elocuente dunha posición que o PSOE debería rectificar a nivel de Estado, porque non só está sendo insensíbel ás demandas do país senón que está ignorando un mandato parlamentario do Congreso”.

