Quintana sitúa o Foro da Madeira como o gran pacto nacional para unha nova cultura no sector

Anxo Quintana, Alfredo Suárez Canal e Teresa Táboas asinan o acordo cos representantes do sector

O vicepresidente presidiu en Compostela o acto de sinatura da constitución do Foro da Madeira, integrado polas consellerías de Vivenda e Solo, Innovación e Industria e Medio Rural e polo Clúster da Madeira, Fearmaga, Asociación Galega Monte-Industria e Feceg

Santiago, 16 de xullo de 2008.- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, salientou que o Foro da Madeira, hoxe formalmente constituído, supón “un gran pacto nacional para implantar unha nova cultura da madeira en Galiza, que nos dirixa cara novas metas de unha maior competitividade”. Quintana fixo estas declaracións na presentación a representantes do sector do Foro da Madeira, que previamente quedou constituído tras a sinatura das institucións e organismos que o integran inicialmente.

O Foro da Madeira queda inicialmente integrado pola Consellería de Medio Rural, Consellería de Vivenda e Solo, Consellería de Innovación e Industria, Clúster da Madeira de Galicia, Asociación Galega Monte Industria, Fearmaga e Feceg. Trátase dun foro estruturado como foro de traballo e opinión, aberto a todo tipo de empresas e institucións, tanto galegas como do Estado ou internacionais relacionadas co sector da madeira.

O vicepresidente resaltou, precisamente, que este Foro nace como resultado dun acordo e dunha colaboración compartida entre o Goberno galego e as principais organizacións representativas do sector, ás que lle agradeceu precisamente o seu traballo para pór en marcha este ente. Quintana salientou que o Foro da Madeira nace coma “un espazo de reflexión e traballo e como un instrumento transversal de traballo” entre diferentes áreas do Goberno. Engadiu que a participación de tres consellerías no Foro da Madeira leva consigo a posibilidade de intervir transversalmente para fortalecer un sector, como o da madeira, cun impacto global na economía de Galiza e no seu desenvolvemento social e ambiental, “é a primeira vez no noso país que esta maneira de traballar se aplica ao sector da madeira” e resaltou que, precisamente, xa era hora de que houbera unha acción transversal do Goberno para un sector tan importante, contando ademais coa colaboración do propio ramo.

Madeira na construción

Unha das liñas de traballo centrais do Foro será o de apostar polo emprego da madeira na construciónNa súa presentación do Foro ao sector, o vicepresidente explicou que un dos seus obxectivos fundamentais é promover un desenvolvemento máis competitivo e integrado do sector, acadando ademais un sector máis aberto, “é preciso que se pense na madeira non só como produto, senón como un proceso que temos que saber activar e enriquecer”. Para lograr un sector máis competitivo, unha das liñas de traballo centrais do Foro será o de apostar polo emprego da madeira na construción. O vicepresidente sinalou que, cando a Administración se implica en algo como isto, non só non se consigue máis emprego da madeira, senón que tamén se consigue crear cultura da madeira, para o que lembrou a súa época de alcalde en Allariz, cando na rehabilitación do casco histórico da vila, se apostou de xeito decidido polo uso da madeira.

Quintana asegurou que o Foro da Madeira xorde como un auténtico banco experimental de traballo en rede, que trata de explorar novas posibilidades no uso comercial da madeira. Dixo que o Foro ten que artellar os mecanismos necesarios e o clima de acción adecuado para promover o uso da madeira na construción en Galiza, como unha das súas principais bazas para gañar cota de mercado.

Sensibilizar, formar e investigar

Quintana expuxo que o Foro da Madeira, para acadar esas novas oportunidades de competitividade e diversificación do sector da madeira, aposta por tres estratexias de traballo: a sensibilización, a formación e a investigación e capacitación técnica.

Tal e como explicou o vicepresidente, manéxanse diferentes liñas para sensibilizar aos axentes empresariais da oportunidade de empregar a madeira en distintas aplicacións funcionais de deseño e construción. A primeira delas é o desenvolvemento dun concurso, con catro categorías, para fomentar o uso da madeira na edificación e rehabilitación e no mobiliario de espazos públicos. Cunha contía total de 34.000 euros, os premios deste concurso fallaranse no último trimestre do ano. Dentro do traballo de sensibilización tamén está en preparación unha publicación específica, “Obras Singulares en Madeira en Galicia”, prevista para 2009 e que fará unha escolma de obras realizadas en Galiza con base na madeira.

Así mesmo, Quintana resaltou que, dentro desta campaña de sensibilización, se deben impulsar boas prácticas con emprego da madeira como eixo construtivo nas actuacións de promoción pública directa de obra nova ou rehabilitación. Lembrou que, a través da Consellería de Vivenda e Solo e no marco deste Foro da Madeira, se están promovendo diferentes proxectos que tratan de pór en valor a plena adecuación da madeira galega ás propostas máis habituais en deseño do hábitat. Quintana referiuse, por exemplo, á presenza da madeira como elemento diferencial en actuacións de rehabilitación en moitos cascos históricos de cidades e vilas galegas ou a novas actuacións de obra nova en réxime de aluguer con elementos estruturais en madeira do país (complexo residencial de 311 vivendas para estudantes en Elviña ou proxecto de 5 vivendas unifamiliares en Cotobade).

No eido da formación, o vicepresidente expuxo que no marco do Foro da Madeira tamén cristalizan novas posibilidades para a formación especializada e de alto nivel no manexo das estruturas da madeira. Para iso está en marcha un Plan de Formación con dúas propostas diferenciadas: un curso de referencia sobre Construción en Madeira, dirixido a formar a todo tipo de profesionais do sector e que contou na súa primeira edición con máis de 50 participantes, e por outra banda, un título de posgrao en colaboración coa USC, “Deseño e Cálculo de Estruturas de Madeira”, dirixido a formar especialistas universitarios neste campo.

Por último, xunto ás estratexias de sensibilización e formación, tamén se están a impulsar proxectos de investigación e capacitación técnica arredor da madeira como material de calidade. O vicepresidente Quintana salientou que mellorar a nosa capacidade produtiva pasa por promover especies madeirables valiosas, que xeren a diferenciación no mercado e lle dean a Galiza unha vantaxe comparativa e competitividade real. Para iso, o Foro xa está impulsando diferentes propostas nesta liña, como a elaboración de dous documentos técnicos (a Guía Técnica da Madeira Estrutural e o Código de Boas Prácticas da Protección nas Construcións de Madeira) para divulgar o coñecemento, deseño e cálculo de estruturas de madeira en Galiza, ou diferentes proxectos de investigación dentro do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2006-2010 (INCITE).

Nova política forestal

O vicepresidente da Xunta resaltou que o Foro da Madeira é posible polo en marcha aquí porque Galiza é precisamente unha potencia forestal e este proxecto vén sumarse a unha liña de traballo nunha nova política forestal posta en marcha por este Goberno, unha política orientada á mellora na protección e ordenación das superficies forestais e tamén ao impulso da innovación como clave no sector. Dentro do importante esforzo feito en protección e ordenación, Quintana destacou a posta en marcha dunha verdadeira estratexia nacional de loita contra os incendios, a superación da política do minifundio na xestión dos montes coa creación das Unidades de Xestión Forestal ou o establecemento dun novo marco normativo de ordenación e estruturación a través da nova Lei de Montes de Galiza, prevista para aprobar no último semestre deste ano.

Pero ademais deste traballo activo na protección e na ordenación, dende o Goberno tamén se lle está dando un novo pulo á innovación, xa que, para saber adaptarse aos continuos cambios que impón a globalización, é necesario máis que nunca prestar máis atención aos elementos innovadores. Neste punto, Quintana salientou que é primordial a participación do sector produtivo.

Datos madeira

No acto de prensentación do Foro da Madeira, o vicepresidente da Xunta lembrou a importancia deste sector, resaltando que o monte galego representa a primeira infraestrutura do país, xa que Galiza ocupa un posto de honra entre as potencias forestais. Galiza xera a metade da madeira producida no conxunto de España, 7,4 millóns de metros cúbicos de madeira. A industria forestal galega é un sector dinámico que medra, xa que en 2007 rexistrou un crecemento na súa facturación do 6% máis que non exercicio anterior, acadando unha cifra de negocio de 2.419 millóns de euros. Cómpre destacar ademais que desta cifra, 1.645 corresponde ás empresas de primeira transformación, un subsector que xera preto de 50.000 postos de traballo entre emprego directo e indirecto.

O vicepresidente Quintana recordou ademais que, na práctica totalidade das comarcas rurais galegas, a industria forestal figura entre as tres primeiras actividades industriais por emprego xerado, polo que é unha industria cun papel fundamental na vertebración e no equilibrio territorial do país.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]