Quintana aposta por unha alianza entre goberno galego e axentes sociais fronte á crise

Quintana saúda a un grupo de pandereiteiras de Outes que interviron ao comezo do acto

Noia, 17 Xullo 08. O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, comprometeuse este serán en Noia a utilizar toda a súa capacidade de liderazgo “para construír alianzas entre o Goberno galego e os axentes sociais, de maneira que podamos enfrentar con garantías de éxito a grave e complexa crise da que xa fala agora até Solbes”.

“Os nacionalistas somos especialistas en dialogar e en chegar a acordos en beneficio das maiorías. Velaí os acordos parlamentares que impulsamos tanto en Madrid como en Santiago. Do que se trata agora é de enfrentarse con decisión a esta grave crise económica e para iso é fundamental construírmos alianzas entre o Goberno galego e os axentes sociais”, avanzou o líder do nacionalismo galego.

“Felizmente xa superamos o debate semántico e deixamos atrás a moda dos eufemismos. A crise é grave e complexa. Damos ao Goberno español a benvida ao mundo da realidade”, ironizou Quintana durante un mítin que ofereceu este serán en Noia conxuntamente con Rosana Pérez e con Lola Caramés, secretaria de Relacións Exteriores da Executiva Nacional do BNG e primeira tenente de Alcalde de Noia, respectivamente. O acto enmárcase na campaña que o BNG ten organizado arredor do Día da Patria Galega, que este ano se celebra baixo o lema de Cremos no noso País.

“Está ben que o Goberno aterrase de vez no mundo real. Esa era unha condición necesaria para enfrentar a crise. Necesaria, pero non suficiente. O que hai agora é que formular alternativas. Iso é o que debe facer unha forza política responsábel”, argumentou Quintana. As alternativas do BNG para que Galiza supere a crise son claras: “Do que se trata é de incrementar o poder político do País e reforzar a súa capacidade de intervención na economía nun sentido positivo. Iso pasa por máis autonomía financeira e por ampliar o marco competencial”.

O nacionalismo desde o Goberno xa está a tomar medidas para combater as consecuencias da crise. “Non estamos de brazos cruzados. Traballamos politicamente para profundizar o autogoberno, pero tamén aproveitamos ao máximo as posibilidades que nos dá o actual marco. Estamos a promover un plan de vivendas protexidas vangardista en Europa, estamos a liberar as potencialidades do sector primario e a apostar por sectores emerxentes como e o eólico coa planificación dun volume de investimentos sen precedentes na historia do noso autogoberno”, pormenorizou Quintana. “Traballamos duro para que a crise produza a menor afectación aos galegos e as galegas e para remontala canto antes. Traballamos duro para mudar o modelo de desenvolvimento e para que a economía galega saía fortalecida da crise”, engadiu.

Traxes a medida

"O debate das balanzas fiscais é un debate cando menos trucado"Incrementar a autonomía financeira é clave para o Goberno galego ter ferramentas de abondo para enfrentar a actual situación. “É por iso que temos argumentado que o debate das balanzas fiscais é un debate cando menos trucado. A clave non está aí. A clave está en se podemos considerar xusto que o Estado recade en Galiza 11.000 millóns de euros e logo deixe aquí apenas 7.000. Iso é o relevante e non entrarmos no debate sobre balanzas fiscais que son traxes a medida dos que as encargan”, alegou Quintana.

O líder do nacionalismo galego esclareceu que “pido máis autogoberno porque é a forma máis eficaz de enfrentar a crise económica e porque neste momento delegar en Madrid é unha irresponsabilidade”. “Sobre a economía galega debemos ser os galegos os que decidamos en primeira instancia porque somos os que mellor a coñecemos. E para decidir precisamos mellorar o instrumental que temos nas nosas mans, precisamos un autogoberno real en materias como a fiscal ou a laboral”, razonou.

“Zapatero está a cometer demasiados erros”

“Vexo a Zapatero cada día máis so e cada día con menos talante"Quintana tamén reflexionou sobre como está a lidar o Goberno central coa crise e coa actual situación política, caracterizada pola debilidade parlamentar en que se atopa o grupo que dá suporte ao Executivo no Parlamento do Estado. “Vexo a Zapatero cada día máis so e cada día con menos talante. Está a cometer demasiados erros. Non está a ter a capacidade de lideranza que se precisa para saír airoso dun cadro tan complexo como o actual. Vive unha ensoñación. A ensoñación de que os problemas se resolven por si sos e de que ademais se poden resolver sen procurar apoios no Parlamento”, aduciu o portavoz nacional.

Quintana reiterou a “oferta de colaboración” do BNG para “dotar de estabilidade parlamentar ao Goberno do Estado”. “Facémola desde a responsabilidade e tamén desde a defensa dos intereses de Galiza. Estamos abertos a colaborar sempre e cando se respecte a vontade unánime da sociedade galega en asuntos da trascendencia da reforma do voto emigrante e da conclusión das infraestruturas pendentes”, dixo.

O BNG só pide ao Goberno “sensibilidade democrática” para “non virar as costas” ao que son “acordos unánimes do Parlamento Galego”. “Non demandamos nengún obxectivo partidario. Demandamos que se dea cumprida resposta á vontade do pobo galego expresada através do seu Parlamento”, concluíu.

Medidas en Vivenda

A respecto de hipotéticos planos do Goberno estatal sobre a adquisición de solo propriedade de empresas imobiliarias en crise, Quintana clarexou que “o que lle preocupa ao BNG é garantir o acceso das persoas con menos recursos a unha vivenda de calidade e non tanto o futuro dos terrenos das compañías inmobiliarias que agora pasan por momentos delicados”.

delicious  technorati  twitter  facebook  meneame  chuza 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]