Jorquera: "A proposta de Solbes non aporta os recursos que Galiza precisa"

Francisco Jorquera

O coordenador executivo do BNG cualificou de "xacobino" o modelo de financiamento económico que propón o goberno de Zapatero

Santiago de Compostela, 18 Xullo 08. O coordenador executivo do BNG, Francisco Jorquera, valorou en rolda de prensa a proposta do ministro de Economía para un novo modelo de financiamento autonómico. Para o portavoz do BNG no Congreso, esta proposta é "vaga, chega de inconcrecións e claramente insuficiente". Segundo explicou, "non aporta os recursos que precisa para a súa suficiencia nin para enfrontarse aos efectos da crise".

Jorquera analisou os tres eixes nos que se basea a proposta. Segundo explicou, o primeiro consiste en "tomar como referencia o Estatut catalán, rebaixalo e xeneralizalo para todas as comunidades". "O BNG sempre ten manifestado que o que é bo para Catalunya non ten porque ser bo para Galiza", afirmou. Nesa liña, lembrou que as porcentaxes que se ceden a Catalunya teñen como obxectivo "cubrir o 100% das súas necesidades financeiras", mais a mesma porcentaxe de tributos cedida a Galiza significaría menos do 67% do actual orzamento da Xunta, co que habería que depender do fondo de suficiencia.

Nós non estamos dacordo co café para todos, porque non ten en conta as desigualdades de partida das distintas comunidades""Nós non estamos dacordo co café para todos, porque non ten en conta as desigualdades de partida das distintas comunidades, e o BNG sempre acreditou que a igualdade hai que procurala no punto de chegada, non no de partida", enfatizou. Segundo explicou Jorquera, unha cesión en torno ao 80% dos actuais tributos de titularidade estatal sería a que permitiría a suficiencia financeira de Galiza -dentro do actual modelo-. "E insisto en que o noso país necesita plena suficiencia financieira, tamén para facer fronte á crise, afirmou".

A poboación, único criterio para o reparto

Jorquera tamén se mostrou contrario ao segundo eixo da proposta do goberno central, é dicir, que a poboación de feito sexa a referencia principal para calcular as necesidades de gasto: "Isto é discriminatorio para Galiza, posto que ignora os custes que na prestación de servizos públicos provocan factores tan coñecidos como o avellentamento da poboación ou a súa dispersión".

Así mesmo, lembrou que os emigrantes galegos residentes no exterior, en tanto que cidadáns con dereito a voto, son suxeito de dereitos sociais -pensións, sanidade- e que iso non está contemplado na proposta de Solbes. "Preténdese tratar aos emigrantes como mercadorías electorais mais non como cidadáns de pleno dereito".

Un modelo xacobino

"Por que o Estado reserva máis dun 50% do gasto cando as principais competencias están transferidas?"Canto ao terceiro eixo do "modelo Solbes" -reserva dun 50% do gasto público para o Estado- Francisco Jorquera foi especialmente crítico polo sesgo ideolóxico que implica. "Isto non responde a necesidades obxectivas, senón a criterios ideolóxicos centralistas e xacobinos. O Estado debería facer unha reserva de gasto en función das competencias exclusivas que ten. Por que o Estado central ten que reservar para si máis do 50% cando as principais competencias que teñen que ver co Estado do Benestar: sanidade, ensino, servizos sociais, vivenda, están transferidas?", preguntou.

Para o congresista do BNG, esta proposta simboliza o "enroque" de Zapatero no seu modelo autonómico e recordou que o modelo rebaixa o estabelecido polo estatuto de Catalunya, a pesar de ser este unha Lei Orgánica de obrigado cumprimento.

O coordenador executivo nacionalista reiterou a defensa dun modelo de autonomía fiscal, para descentralizar o ingreso na mesma medida que o gasto, o que é "clave no desenvolvemento de políticas reais de autogoberno". Porén, lembrou que a credibilidade do goberno "está en entredito" e que terán que negociar para levar adiante calquera plan. "A mellora desta proposta pasa por termos unha posicion de país", asegurou posteriormente en resposta aos xornalistas.

ACS-Fenosa

A preguntas dos xornalistas, Francisco Jorquera, afirmou que a venta por parte de ACS da súa participación en Fenosa é "un síntoma das dimensións que está acadando a crise económica", porque esta empresa opera non no mercado inmobiliario, senón na obra pública. Recordou a operación impulsada por varios empresario do país para "regaleguizar esta empresa, que obten os seus beneficios mediante a explotación dos recursos naturais do país" e que esta operación foi boicotada mediante distintos movementos "non só económicos, senón tamén políticos, porque non aceptaron un modelo enerxético onde houbese tres grandes compañías, con centro en Catalunya, País Vasco e Galiza". "Curiosamente, esta semana asistimos ao fracaso do desembarco de capital especulativo madrileño en dúas empresas do país, coas consecuencias que estamos vendo e cadaquén que saque as súas consecuencias", concluíu.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]