Anxo Quintana: "queremos que o AVE estea en execución en 2009"
San Sadurniño, 2 de agosto de 2008.- O vicepresidente da Xunta e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, fixo hoxe unha valoración positiva do encontro mantido onte polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, pero subliñou que "agora toca que o Goberno galego sexa ambicioso e que traballe para que no 2009 estean en execución os tramos do AVE, e non só licitados, como prometeu onte Zapatero.
Nas súas declaracións, o vicepresidente Quintana considerou positivo que o presidente Zapatero comprometera a licitación en 2009 dos tramos pendentes do AVE para Galiza, pero lembrou que agora é o momento “de sermos ambiciosos, e imos selo”, e traballar para que no vindeiro ano non só estean licitados os tramos, senón que tamén estean en execución, “porque iso garantirá que teñamos o AVE no 2012”. Neste punto afirmou que, a pesar do boas que poidan ser as xuntanzas previstas entre Touriño e a ministra de Fomento, segue a ser necesario crear a Subcomisión de Seguimento das infraestruturas para Galiza, na que o presidente Zapatero presente un plan de investimentos concretos que asegure a chegada do AVE a Galiza no ano 2012.
Falla de compromiso de Zapatero coa reforma do voto emigrante ou as necesidades de Galiza en materia de financiamento autonómico
Por outra banda, Anxo Quintana referiuse tamén a outros asuntos abordados na xuntanza entre Touriño e Zapatero e lamentou a actitude mantida polo presidente do Goberno central respecto ao financiamento autonómico e ao voto emigrante. “Non pode ser que o Goberno de Zapatero siga amparando o fraude democrático que se está a producir co voto emigrante”, criticou Quintana, especialmente nun momento “no que xa hai acordo e unanimidade de todas as forzas políticas para a reforma do voto”. Noutro punto, o vicepresidente da Xunta criticou tamén o feito de que Zapatero siga sen dar resposta positiva para que Galiza dispoña dun financiamento xusto dentro do modelo de financiamento autonómico, a pesares da unanimidade acadada tamén por todas as forza políticas neste eido.

