Cultura inicia o procedemento de declaración de Ben de Interese Cultural do Pazo de Meirás
Ánxela Bugallo e Felipe Arias
Unha vez examinada toda a documentación bibliográfica e histórica recollida por este departamento nos últimos meses, e analizados os informes e reportaxes fotográficas realizados polos técnicos, a Dirección Xeral estima que o Pazo de Meirás reúne as condicións para poder obter o máximo grao de protección patrimonial. A resolución di así: "destaca tanto pola súa singularidade como pola significación cultural e simbólica que adquiriu co paso do tempo. Ningún dos edificios de estilo similar iguala ao de Meirás en dimensións, en contexto histórico, en coherencia conceptual e en calidade formal".
Tamén se subliña que o interese ou valor histórico deste lugar "está motivado primeiramente como soar dun antigo pazo, representativo da fidalguía galega, e ademais pola relación da nova construción das Torres con Emilia Pardo Bazán, personaxe relevante pola súa grande trascendencia, tanto literaria como social".
Un equipo, integrado por unha historiadora da arte, unha arquitecta e un arqueólogo, inspeccionaron o Pazo o pasado 17 de abril logo de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia autorizase a entrada dos técnicos da Xunta. Así, unha sentenza xudicial facía cumprir aos propietarios da construción co decreto 430/1991 no que se regula o proceso de tramitación dos bens de interese cultural: "en calquera momento a Consellaría de Cultura poderá efectuar a inspección directa do ben que se pretende declarar como ben de interese cultural e solicitar todo tipo de información e comprobación que sobre o mesmo estime conveniente".
Desta maneira iniciábase o proceso de recollida de información e análise ‘in situ’ (xa se fixeran previamente estudos documentais sobre o Pazo) sobre a arquitectura interior do edificio, os bens susceptibles de seren considerados patrimonio cultural e o estado de conservación de todo o conxunto, tal como solicitara o Concello de Sada á Consellaría de Cultura e Deporte, no seu acordo plenario do 9 de agosto de 2007.
Durante o procedemento de declaración BIC do Pazo de Meirás, que se inicia hoxe, a Dirección Xeral de Patrimonio pediralle opinión a tres organismos consultivos: a Universidade de Santiago, a Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario e o Consello da Cultura Galega.
A partir da súa publicación no DOG, ábrese un período de información pública dun mes no que as persoas ou entidades interesadas poden examinar o expediente na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural e interpoñer as alegacións que estimen oportunas.
Unha vez resoltas estas alegacións, a Dirección Xeral dará paso ao período de incoación para a declaración do Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural, que podería concluír a finais de 2008. De así ser, tal nomeamento implica que o edificio debe abrirse ao público catro días ao mes; que calquera intervención nel necesitaría unha autorización previa por parte de Patrimonio; e obriga aos seus propietarios a coidar e preservar o inmoble.
A historia do Pazo
Aínda que a parte do pasado máis coñecida do Pazo de Meirás sexa aquela na que pertenceu á familia paterna de Emilia Pardo Bazán, existen documentos nos que se dá conta da existencia dunha edificación pacega que foi incendiada no 1809 polos invasores franceses. Anos despois, en 1893, o avó da escritora reconstruíu o edificio que pasou a ser coñecido como "Granxa de Meirás", ao posteriormente lle engadirían dúas torres, feito que lle valeu o nome actual "Torres de Meirás".
Emilia Pardo Bazán xa gozaba de prestixio para cando remataron as obras no pazo, arredor de 1907, e pasaba alí moitos veráns. Feito que levou a que o inmoble se convertese en punto de referencia tanto na súa vida como na súa obra: a súa inspiración, onde redactou parte da súa obra e onde gardaba os volumes da súa biblioteca particular. Coa morte da literata, en 1921, serán os seus herdeiros quen se fagan cargo do pazo.
Co remate da Guerra Civil, a familia Franco faise coa propiedade do inmoble, aínda que ampliada a extensión mediante a adquisición das propiedades lindeiras. Baixo a familia Franco estendeuse a denominación "Pazo de Meirás" para todo o conxunto pacego e súmanse novos elementos de valor histórico-artístico de diferentes procedencias.
Interese patrimonial
O elemento máis característico da construción son as torres que lle dan nome, ao representar un exemplo singular a arquitectura de finais do século XIX e principios do XX. Comezaron a construírse en 1893 ao xeito de mansión señorial con certa tendencia medievalizante, en concreto, de estilo neorrománico. As torres, que se insiren nunha edificación principal de estilo señorial, son cadradas, ameadas e desiguais en altura.
Do resto do conxunto pacego cómpre salientar unha capela de estilo neorrománico e diversas construcións anexas ás que se lle foron engadindo elementos decorativos e etnográficos: balaustradas, fontes, escalinatas, pináculos, cruceiros, hórreos, brasóns... algúns dos cales gozan da declaración xenérica de bens de interese cultural.
Pero a beleza e grandiosidade de Meirás reside tamén na vasta extensión de bosques e xardíns que rodean o pazo. Atópase nun entorno privilexiado: nun inmenso parque limitado por un muro de cachotería e moi próximo á costa, á zona das Mariñas e da ría de Sada.

