Fernando Blanco: "Que convoquen as eleccións cando queiran, eu estou traballando que estamos en crise"

O tramo final da lexislatura vai ser especialmente movido para Fernando Blanco (Lugo, 1959). Ademais da que temos enriba coa crise, o conselleiro terá a última palabra no concurso eólico, no que será o maior reparto de megavatios de Europa.

-¿Cando teremos fumata branca?

-Remitimos cartas a todas as empresas con erros na documentación, que maioritariamente son subsanables. Unha vez rematado iso, xa se entra na valoración. Espero que a primeiros de outubro podamos ter tomada una decisión.

-¿Por que a primeira criba a está facendo unha consultora externa a consellería?

-Estana facendo os técnicos da consellería, apoiados na organización da información recibida por xente de fóra. Se tiveramos que facer solo con recursos propios igual podíamos acabar no 2012. A Consellería de Industria é a que menos persoal ten.

-Dos proxectos industriais recibidos, ¿cantos sairán?

-Os mellores para o país e para os intereses de todos os galegos. Aquí as presións non funcionan, temos as ventás abertas. Esta é a maior adxudicación que ten feito a Xunta en moitísimos anos. Ademais, nun sector moi rendible. Por iso quixemos facer un concurso. A min resultábame moito máis difícil que fose unha decisión unipersoal do conselleiro.

¿Vendo as ofertas, sabe xa se a Xunta terá o 10% nos proxectos, como desexaban?

"Se países como Francia ou Alemaña manteñen a presenza pública no sector enerxético por algo será"-Algúns subiron dese 10%, e amplamente. Porque o problema nunca foi a participación pública, senón abrir o plan sectorial á libre concorrencia. ¿Pero non ten a Xunta participación en Reganosa, en Gas Natural, en cen mil sitios? Ese nunca foi o debate, e de feito esa parte non vai ser decisiva. O que pasa é que para a patronal era moito máis fácil dicir pouco menos que lles queríamos nacionalizar a eólica. Nós o que queríamos era un concurso de todos. Iso, obxectivamente e socialmente, sería moito máis difícil de debater.

-¿Canto tardou o PSOE en darse conta de que con Industria o Bloque tiña o maná do vento?

-Non sei. Eu dinme conta enseguida, incluso antes de ser conselleiro. É evidente que fomos a por Industria por moitas razóns. Non sei se alguén confundiu consellería con conselleiro, e pensando no que se fixo no pasado, quizás non viron as posibilidades deste departamento.

-Ningún conselleiro anterior dera dunha tacada 2.325 megavatios.

É certo, foi unha gran novidade, que por certo nos van copiar noutros sitios. Nós fixemos isto para definir un proxecto industrial conxunto. Imos tocar todos os sectores para planificar o desenvolvemento do país. Iso non se pode facer con 200 megavatios hoxe, 200 mañá... Ademais, isto provoca competencia, agudiza o enxeño das empresas. E eu sempre o pensei así. Cando falamos por primeira vez co Estado dos 2.500 megavatios era porque queríamos montar unha estratexia deste tipo.

-¿Que pasará se unha empresa, Ence, por exemplo, recibe muíños e despois non atopa ningún alcalde que queira a pastera?

-Xa hai alcaldes que o están pedindo. Quitando algún caso polémico dese tipo, os proxectos que coñezo son bos e non lles vexo problemas.

-¿Daralle tempo ao reparto ou haberá eleccións antes?

¡Que máis quixese eu que ter capacidade para poder definir os 4.000 megavatios eólicos anteriores co mesmo criterio que se fixeron estes!-Isto estará listo en outubro. As eleccións, que as fagan cando queiran. Eu teño que traballar, e poñer solucións enriba da mesa, que estamos nunha crise.

-¿Que medidas pode aplicar a Consellería de Industria coa que está caendo?

-Medidas que supoñan un impulso económico en termos reais, que signifiquen un cambio substantivo no desenvolvemento económico, eu vexo dúas: o Xacobeo 2009, que ten un impacto máis ou menos estudado do 0,3-0,5% sobre o PIB, e o investimento de cinco mil e pico millóns que xurdirán polo decreto eólico. Ogallá houbese vinte medidas que se puidesen aplicar e resultasen, pero a min que mas digan.

-As previsións máis pesimistas estanse cumprindo.

-Esta non é unha crise como outras do sector da construción. É unha crise financeira: non se financia ao promotor, pero tampouco ao que lle quere comprar; co cal a situación é moi complexa. Hai que resolver o tema do financiamento, e a banca ten que facer un esforzo, porque, se non, pode paralizar o crecemento industrial de Galicia, que superaba a media do Estado.

-O maior golpe ata agora foi o de Martinsa-Fadesa. ¿Houbo un crecemento desaforado coas compras a crédito?

-Habería que analizar non só a estas empresas, senón tamén aos que avalaron estas compras. Se fixeron operacións cun apalancamento espectacular, e agora chegan as quebras. E témome que a de Martinsa non será a única. Tamén poderíamos entrar na razón que leva a ACS a vende Fenosa. Hai uns días, o presidente duna entidade financeira díxome que na vida só hai dúas certezas: a morte e os vencementos. Os vencementos están aí para as empresas, pero tamén para os bancos. E iso hai que pagalo. Se non, se acabou a historia.

-¿Habería que prohibir determinadas operacións, do pequeno comprando ao grande, a golpe de crédito?

"A única administración que presentou un plan para ASTANO foi a Consellaría"-Prohibir non. Pero ten que haber mecanismos de control que teñen que funcionar, desde o Estado, desde a Xunta e dende os propios reguladores do mercado. E tamén de quen concede un crédito desta envergadura nunha operación deste tipo. Porque o que deu o crédito despois foi traballar a Martinsa. Exemplos deste tipo pode suscitarlle dúbidas ao cidadán sobre todo o sistema.

-¿Como caeu na consellería a venda de Fenosa?

-Non vou negar que tería quedado máis satisfeito cunha participación galega ampla, porque é unha compañía que explota moitos recursos aquí, que distribúe aquí, e que ten unha tradición histórica con Galicia. Tamén polos proxectos industriais que están en marcha, sobre os que haberá que estar vixiantes no futuro.

-¿É mellor que sexa catalá que francesa?

-Eu sempre manifestei que me parecía unha irresponsabilidade absoluta deixar un sector estratéxico como é o enerxético nas mans de outros países. Non debemos olvidar que EDF ten un 87% de capital público francés, Enel, o mesmo; Eon, parecido. E polo tanto uns estatutos nos que se priorizan as inversións e as estratexias. Fenosa parecía que podía seguir o camiño de Endesa, e ao final non foi aí. Por outra parte, se países como Francia, Alemaña ou Italia manteñen a súa presenza no capital do sector enerxético será por algo.

-¿Por que Galiza nunca lidera proxectos? ¿Estásenos indo outro sector das mans?

-Non, imos ter moita máis presenza no sector enerxético da que tiñamos antes. O decreto eólico vai garantir, xa de entrada, que un 10%, e incluso máis, quede nas mans públicas. Hai empresarios galegos que están aglutinando o seu peso inversor no sector enerxético, con proxectos radicados aquí, pero coa idea de traballar no mundo. Creo que por primeira vez a xeración de enerxía vai producir beneficios para o conxunto do país. ¡Que máis quixese eu que ter capacidade para poder definir os 4.000 megavatios eólicos anteriores co mesmo criterio que se fixeron estes! Estaríamos a falar dun nivel de investimentos de 15.000 millóns de euros e unha capacidade de desenvolvemento industrial tremenda.

-¿Que foi do solar de Astano?

-Era unha boa pregunta para a SEPI, que falou dun plan, e co tempo demóstrase que aquí a única que puxo un plan enriba da mesa con financiamento e con empresarios foi a Consellería de Industria. E fóra diso, aire. Poderíase tirar de hemeroteca e ver que dixeron algúns sobre o sector naval. Agora hai traballo ata o 2016, a náutica de luxo tamén se dispara, e xa non damos admitida máis carga de traballo porque non temos máis espazo, pero hai tres anos a min me dicían que iso había que enterralo.

fresqui  delicious  digg  technorati  yahoo  meneame  chuza 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]