"Temos que actuar para que as seleccións galegas poidan participar en competicións internacionais"
Rosendo G. Covelo
O cometido da Comisión Nacional de Deportes, é, tal e coma establecen os estatutos do BNG, baséase en dous piares fundamentais:
a) Debater e definir propostas con relación á política, no eido do deporte, que deba desenvolver o BNG, contribuíndo á elaboración, unificación e homologación da nosa acción política nese eido e trasladando as propostas que deste proceso se deriven aos órgaos de dirección da organización para a súa toma en consideración e aprobación se procede.
b) Elaborar documentos e/ou planos de traballo, para desenvolver a política do BNG no eido do deporte, que deberán ser debatidos e aprobados polo Consello Nacional.
"O afortalamento da nosa identidade nacional tamén se fai a través do deporte"Qué papel ten o deporte dentro do proxecto do BNG para Galiza?
O deporte ten, cada vez máis, unha importancia primordial no modelo de Nación do BNG. Estase a traballar na tarefa de criar un modelo deportivo propio para Galiza, en función das características que nos configuran como un pobo cunha identidade propia e esta é unha tafefa que só pode ser desenvolvida dende a acción do nacionalismo nos diferentes gobernos onde participa.
Qué actividades levou a cabo a Comisión?
Temos unha dinámica de traballo establecida con xuntanzas ordinarias (cunha periodicidade bimensual) e xuntanzas extraordinarias (convocadas por iniciativa propia ou ben da Dirección Xeral para o Deporte, para tratar temas cuxo debate teña un carácter de urxencia)
Hai escasamente un par de meses, rematamos a elaboración dun plano de traballo, do que estou moi satisfeito pola implicación de todas e todos os membros da Comisión.
Cales son as principais eivas e pontencialidades que detectades no deporte galego?
O deporte galego ten unhas potencialidades enormes que se están a poñer un valor a través da implementación de políticas de apoio ao deporte de iniciación ou de base, a través do fomento do deporte para persoas con discapacide o mesmo cas medidas que estimulan á participación da muller na práctica deportiva.Tamén considero moi positiva a posta en valor das selección deportivas nacionais.
Tamén hai que recoñecer que temos aínda moito que facer no terreo das infraestruturas deportivas e na busca de dotar ao noso deporte dun marco lexislativo propio, por citar dúas eivas importantes.
Cómo valoras as políticas en materia de deporte que ten levado o BNG dende o Goberno galego?
Todo é mellorable, pero coido que se está a traballar na dirección correcta. Precísase máis tempo, mais aínda se temos en conta a precaria situación que se atopou o BNG tras dezaséis anos de goberno do PP e a responsalidade que temos de conformar un novo xeito de entender o deporte no País e de deseñar un modelo deportivo para Galiza.
Ademais da súa positiva función social e saudábel, o deporte tamén ten unha importante función simbólica, de creación de identidade colectiva. Vímolo na última Eurocopa de Fútbol. Cómo analisas esta función no caso de Galiza e do Estado Español?
"Son iniciativas moi positivas a Declaración de San Mamés ou a participación de Galiza nos Jogos da Lusofonía"Para nós, coma nacionalistas galegos, ten que ser unha prioridade o afortalamento da nosa identidade nacional, e esto tamén faise dende o deporte. Por iso, considero moi positivamente as iniciativas que trasladen á sociedade que os galegos somos un pobo que queremos existir, cunha identidade propia e que desexamos mostrarnos ao mundo como o que somos: galegos e galegas. De aí que, dende o BNG, debamos traballar na promoción do deporte, tamén co sinal identitario.
Achéganse as Olimpiadas de Pekin. Para cando Galiza estará nas Olimpiadas?
Entendo que neste tema, temos que actuar dun xeito posibilista, tendo como punto de partida o respecto á lexislación actual, pero sen esquecer que no noso obxectivo debe ser o de traballar por un marco xurídico-legal que posibilite que as seleccións galegas e os seus deportistas, podan participar en competicións oficiais de carácter internacional.
Así, para chegar a este obxectivo considero positivamente inciativas coma a colaboración con Euscadi e Catalunya a través da Declaración de San Mamede, suscrita en decembro de 2007 e outras en marcha, coma a de participar nos vindeiros xogos da lusofonía.
Algunha outra cousa que queiras engadir.
Máis nada, só agradecer a posibilidade que se nos ofrece de trasladar á militancia do BNG o traballo que estamos a desenvolver dende a Comisión Nacional de Deporte, co esforzo de todas e todos os que dela formamos parte.

