A Executiva Nacional acorda un paquete de medidas "para minimizar os efectos da crise en Galiza e axudar aos cidadáns"

Reunión da Executiva Nacional do BNG

Santiago de Compostela, 18 de Agosto 2008. A Executiva Nacional do BNG aprobou un paquete de medidas para que o BNG as poña en marcha na Xunta de Galiza co obxectivo de, tal como salientou o portavoz nacional “minimizar ao máximo o impacto da crise económica en Galiza e axudar aos cidadáns nun momento difícil como este”.

“As medidas, que se porán en marcha entre finais de 2008 e comezos de 2009, son pensando nos cidadáns, non pensando nesta ou naquela data eleitoral”, subliñou Anxo Quintana.


MEDIDAS DO BNG PARA PALIAR OS EFECTOS DA CRISE ECONÓMICA EN GALIZA

Enerxía, Sociedade da Información e Turismo

► A realización dunha das apostas nucleares do proxecto de lexislatura, coa resolución, antes de finais de ano, do concurso éolico polo que se adxudicará a nova potencia comprometida. Entre finais deste ano e principios de 2009, se van mobilizar 5.000 millóns de euros no campo enerxético e industrial, unha inxección de recursos para dinamizar os sectores estratéxicos do noso país.

► Galiza avanzará chanzos na súa plena integración na Sociedade da Información, cun investimento de 100 millóns de euros.

► En materia turística e de promoción exterior, o Plan Xacobeo 2010 comeza a rodar, coa mobilización de arredor de 100 millóns de euros entre finais deste mesmo ano e o primeiro trimestre de 2009.

A capitalización do medio rural para fortalecer o conxunto da economía galega


► Unha acción integral en materia de infraestruturas para incrementar a calidade de vida nas áreas rurais, reforzar o tecido social e crear un entorno máis favorable para o repunte das actividades produtivas.

Temos adiantado o itinerario da programación prevista no marco do Programa Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM 2006-2009), mobilizando un total de 91 millóns de euros – 35 millóns neste ano 2008 e o montante restante no primeiro trimestre de 2009 – en actuacións de carácter agrícola, gandeiro, ou forestal, infraestruturas básicas de saneamento e abastecemento de auga e rede viaria.

Iniciarase o procedemento de contratación anticipada do novo Programa de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM 2009-2010), no último trimestre deste ano: 56 millóns de euros.

► Un impulso definitivo aos procesos de concentración parcelaria, cunha contratación prevista para este ano 2008 que supera os 52 millóns de euros, un investimento moi superior aos 20 millóns anuais da lexislatura anterior.

► Un esforzo máis intenso nos proxectos de ordenación forestal, cun investimento global entre 2008 e 2009 de 72,2 millóns de euros en iniciativas e medidas de dinamización do monte galego, actuando sobre un total de 60.000 hectáreas de superficie forestal.

► Unha proposta galega para introducir transparencia na regulación das marxes comerciais dos alimentos de primeira necesidade e das materias primas para o alimento do gando.

Vivenda de calidade e accesible: un pulso por un modelo de crecemento ordenado e racional, con capacidade para dinamizar ao sector

► Aprobación do Plan Sectorial Galego de Solo Residencial para Vivenda Protexida en decembro deste ano, acurtando o tempo de emisión de informes na súa tramitación:

 45.000 vivendas protexidas
 Investimento: 5.200 millóns de euros en 10 anos
 Creación de emprego: 300.000 postos de traballo

Un impulso ao solo produtivo
13,5 millóns de solo empresarial, en tramitación ou inicio de execución entre finais de ano e o primeiro trimestre do ano 2009.

Colocar ás persoas no centro e na prioridade das nosas políticas: O Sistema Galego do Benestar, un instrumento para facer efectivos os dereitos sociais

► No que vai de lexislatura xa son 42 os centros integrados da Rede Galega de Centros de Día, un total de 1.500 prazas dispoñibles. Nos próximos meses a Rede disporá dun total de 55 centros de día e 2.000 prazas.

► O Servizo de Transporte Adaptado conta nestes momentos con 44 vehículos dispoñibles e unha cobertura de 130 concellos. Antes de que remate o ano dará comezo a fase seguinte do programa, coa posta en marcha de 78 novos vehículos, que irán cubrindo todo o territorio galego. Nos próximos cinco anos o orzamento destinado a este Servizo (122 vehículos) superará os 67.5 millóns €.

► Este ano faremos efectivo o complemento autonómico ás Pensións Non Contributivas: unha paga única anual para os máis de 50.000 beneficiarios desta prestación no noso país, como un xeito de compensar as baixas pensións que temos en Galiza e de apoiar aos colectivos máis castigados pola crise económica e a inflación dos prezos. O decreto para o complemento autonómico das PNC’s –actualmente en fase de tramitación administrativa- estará aprobado no último trimestre do ano.

► Estamos comprometidos a estimular a obra pública, como unha estratexia de activación económica e de creación de benestar social. O investimento en mobilización de obra pública por parte da Vicepresidencia para a reforma e construción de equipamentos de servizos sociais acada os 20 millóns de euros neste último trimestre do ano.

► Está previsto que a finais deste ano e comezos de 2009 entren en funcionamento 3 centros de Sogaserso (Monforte, Cangas e Vimianzo), que suporán 675 novas prazas residenciais e diúrnas e 270 empregos directos.

“O BNG está disposto a apoiar os Orzamentos do Estado se teñen en conta a Galiza”

Por outra parte, Anxo Quintana anunciou na rolda de prensa posterior á Executiva que “o BNG ten a disposición de apoiar os Orzamentos do Estado para 2009 pero para iso é indispensábel que Galiza conte e que se manteñan os compromisos con Galiza”.

Quintana subliñou que o BNG “traballará con responsabilidade nas Cortes do Estado en beneficio de Galiza” e asegurou que “sería unha auténtica irresponsabilidade por parte de Zapatero prorrogar os orzamentos, nun momento de crise coma este”.

A Asemblea Nacional do BNG celebrarase en outubro
A Executiva tamén acordou celebrar un Consello Nacional o vindeiro 30 de agosto, no que se acordará a data de Asemblea Nacional na que, entrou outros temas, se elixirá o candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza. En todo caso, esta asemblea celebrarase no mes de outubro.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]