Os fondos de tarifa destinados este ano á mellora do servizo eléctrico en Galiza achéganse aos 26 ME, o 33% máis que en 2007
A Consellaría de Innovación e Industria, as empresas eléctricas e o Ministerio de Industria prorrogarán o convenio marco de colaboración para a realización de plans de mellora da calidade do servizo eléctrico, plans de control de tensión e actuacións de limpeza de marxes das liñas
O convenio de 2008 contempla máis de 180 obras en infraestruturas eléctricas nas catro provincias galegas
Santiago de Compostela, 27 Agosto 08. O conselleiro de Innovación e Industria asinará unha prórroga dos convenios marco de colaboración que mantén tanto co Ministerio de Industria coma coas empresas de distribución eléctrica (Fenosa, Begasa e Apyde) para a execución este ano de novas obras de mellora da calidade do servizo eléctrico, plans de control de tensión e actuacións de limpeza de marxes das liñas. En total as actuacións en infraestruturas eléctricas financiadas conxuntamente pola Consellaría, o Ministerio e as empresas acadan 25.941.738,33 euros. Este orzamento supera en 6,5 millóns (33,3%) o importe do convenio de tarifa asinado o ano pasado, o que permitirá incrementar as actuacións de mellora do servizo eléctrico, que serán máis de 180 e se executarán en dous anos.
Do orzamento total, destinaranse a plans de mellora da calidade do servizo 18 millóns de euros, a plans de control de tensión 4,5 millóns e a obras de limpeza de vexetación das marxes por onde discorren liñas eléctricas de distribución outros 3,4 millóns. A Consellaría de Innovación e Industria achega o 10% do importe das obras de calidade e control de tensión (2.257.267,5 euros), mentres que o Ministerio proporciona o 20% do orzamento destas obras e as empresas o 70%.
A prórroga do convenio, que se asinará nos próximos días, enmárcase na Estratexia Energos 2006-2009 da Consellaría de Innovación e Industria. Esta ten entre os seus obxectivos a mellora da calidade da subministración de electricidade no conxunto do país, para o cal o departamento de Fernando Blanco vén desenvolvendo programas de electrificación con especial atención ao desenvolvemento e mellora das infraestruturas eléctricas no medio rural.

