Jorquera considera "propagandística" a visita de Zapatero e subliña que "co 8% non abonda para cumprir cos prazos do AVE"
Santiago de Compostela, 27 de Agosto 08. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, asegura que a visita efectuada hoxe a Galiza polo presidente do Goberno “ten un carácter protocolario e propagandista” e lamenta que “teña desaproveitado esta oportunidade para dar satisfacción ás demandas unánimes da sociedade galega”.
Jorquera lembra que “o auténtico compromiso con Galiza plásmase con partidas orzamentarias e non con promesas”. Neste sentido, o parlamentario nacionalista considera “imprescindíbel que haxa un importante incremento cuantitativo nos próximos Orzamentos para poder cumprir os prazos comprometidos das grandes infraestruturas do Estado en Galiza”.
“Non abonda con que se comprometa o 8% do gasto total do Estado en infraestruturas. Se queremos ter rematado o AVE do Eixo Atlántico no 2013 e a conexión coa Meseta no 2012 é imprescindíbel que nos Orzamentos do Estado para 2009 se supere esa porcentaxe nalgún exercicio e que haxa un incremento significativo ao respeito da dotación orzamentaria actual, bastante por riba dos 600 millóns de euros”, subliña Jorquera.
“Zapatero desaproveitou a oportunidade de dar satisfacer as demandas unánimes da sociedade galega”
Ademais, o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados lamenta que “Zapatero teña desaproveitado esta visita para dar satisfacción ás demandas unánimes da sociedade galega, como son a creación da Comisión de Seguimento de Infraestruturas Estado-Galiza, o desbloqueo das competencias pendentes, a reforma con carácter urxente do voto emigrante ou a transferencia de Tráfico e Seguridade Viaria á Xunta de Galiza”.

