O BNG congratúlase pola decisión do Presidente pero considera que "o PSOE debe explicar porqué creou un debate inxustificado"

Santiago de Compostela, 28 de Agosto 2008. O coordinador da Executiva do BNG, Francisco Jorquera, celebra a decisión anunciada hoxe polo presidente da Xunta en relación á data das próximas eleccións galegas pero considera que “o PSOE debería dar explicacións de por qué trasladou á sociedade un debate eleitoral interno que creou incertidume, xusto no momento en que Galiza menos o precisa”.

“O BNG sempre defendeu que se esgote a lexislatura para traballar nos problemas que lles afectan aos galegos e galegas”

Jorquera lembra que “o BNG tense manifestado en reiteradas ocasións a favor de que se esgote a lexislatura dado que non hai ningunha razón que xustificase a disolución do Parlamento e a convocatoria anticipada das eleccións, xa que o Goberno galego conta con estabilidade política e cunha maioría parlamentaria sólida”.

Ademais, o coordinador da Executiva do BNG considera que “en plena negociación do novo sistema de financiamento das Comunidades Autónomas, dos investimentos para Galiza nos Orzamentos do Estado para 2009, unha convocatoria anticipada das eleccións deixaría a Galiza nunha situación de debilidade política para afrontar estes procesos tan importantes”.

Francisco Jorquera salienta que “ante unha situación de crise económica é necesario máis que nunca un goberno activo que impida que Galiza pague os custos da crise como está a facer o BNG dende o Goberno”.

Neste sentido, anuncia que “por todas estas razóns defendidas polo BNG congratulámonos do anuncio expresado hoxe por Emilio Pérez Touriño”.

“O PSOE debe dar explicacións”

En calquera caso, o coordinador da Executiva do BNG considera que “o PSOE terá que explicar á sociedade galega por qué non habendo razóns que xustificasen un adianto eleitoral e non existindo a máis mínima demanda política e social ao respeito, ten trasladado á sociedade un debate interno sobre a posibilidade ou non do adianto eleitoral que o único que contribuíu foi a crear nos dous últimos meses un clima de incertidume política candos menos o necesitaba o país”.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]