Quintana esixirá que as demais forzas políticas se pronuncien sobre o Estatuto de Nación antes das eleccións galegas

Quintana saúda tras o discurso

"Os galegos teñen dereito a saber se van ter un Estatuto de primeira para que o país avance"

Santiago de Compostela, 5 Outubro 08.- Anxo Quintana, tras ser proclamado candidato á presidencia da Xunta por máis do 95% dos votos, reivindicou no seu discurso ante a militancia que todas as forzas políticas que se presenten ás eleccións galegas aclaren se están dispostas a apoiar un Estatuto de Nación. “Necesitamos un Estatuto de Nación, para que Galiza exista e para que non quede atrás”, asegurou. “Os galegos e as galegas teñen dereito a saber se todos os partidos están dispostos a que o país teña un Estatuto de primeira”, segundo Quintana.

"Traballarei até a última pinga de suor para ser un digno representante da mellor xente de Galiza"O portavoz nacional e candidato á presidencia da Xunta deu as grazas e parabenizou aos asistentes pola “confianza que depositades en min” e comprometeuse a traballar “até a última pinga de suor para ser un digno representante da mellor xente de Galiza”.

Un momento da intervención do candidato nacionalista

Destacou que na Asemblea, o BNG non foi “mirarse o embigo”, senón que foi “corrixir erros pero sobre todo, a preocuparse polos problemas da xente”. Así mesmo, destacou que “ninguén aquí se preocupou polos efectos da crise en Wall Street, senón entre os cidadáns”.

Respecto por Galiza

"Non quero gobernos amigos nin inimigos; quero gobernos que respecten a Galiza como nación"O portavoz nacional destacou que “os galegos non queren guerras nin submisións”. Nesa liña, afirmou: “eu non quero gobernos amigos nin inimigos; quero gobernos que respecten a Galiza como nación” e comprometeuse a esixir do Estado un diálogo bilateral coa nosa administración.

Maioría social galeguista

Quintana asegurou que o BNG actúa en política “coa sabiduría do pobo”, e por iso “cada vez hai máis xente que mira cara a nós”. Así, dirixiuse “a todos os que desde distintas posicións levan a Galiza no corazón” para que “entre todos xuntos construamos un país de liberdade e orgulloso da súa identidade”.

Concurso eólico como exemplo de democracia

O actual vicepresidente da Xunta puxo en valor a aposta do goberno galego por internacionalizar a nosa cultura, revitalizar o medio rural, facilitar o acceso á vivenda e mellorar os servizos sociais. En definitiva, empregar os recursos do autogoberno para limitar os efectos da crise e “xerar benestar para os cidadáns”, unha idea na que “cada vez acreditan máis persoas”.

"As decisións relativas a Galiza tómanse nos órganos escollidos polos cidadáns e non no Consello de Administración dunha multinacional"Destacou tamén o proceso de concesión de licencias para os parques eólicos: “As cuestións relativas a Galiza, por primeira vez na Historia, estanse a decidir en órganos escollidos polos cidadáns, e non no consello de administración dunha multinacional que non ten nada que ver con nós”, asegurou. “Iso é democracia, o poder do pobo, aínda que a algúns parece que lles molesta”.

Así mesmo, sinalou, a través dunha anécdota, o elevadísimo grao de aceptación que está a ter o modelo educativo das galescolas, pola súa profesionalidade, e tamén pola escolla do idioma galego como lingua veicular.

“O mellor resultado da historia do BNG”

Anxo Quintana rematou o seu discurso expresando a súa convicción de que o BNG terá “o mellor resultado da súa historia” nas próximas eleccións ao Parlamento Galego.

fresqui  delicious  digg  technorati  yahoo  meneame  chuza 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]