Cultura inicia o procedemento de declaración do mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil como Ben de Interese Cultural
A incoación do expediente outorga o máximo grao de protección patrimonial ao monumento e ao seu contorno nos concellos de Parada de Sil e Sober
Tras a próxima publicación no DOG abrirase un prazo de alegacións e un proceso de consultas a outros organismos para a declaración definitiva de BIC
É o último gran mosteiro da Ribeira Sacra que será declarado BIC
Santiago de Compostela, 4 Outubro 08.- A Consellaría de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, asinou este mércores a resolución pola que se incoa o procedemento para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento, do mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, en Parada de Sil (Ourense).
A incoación do expediente para a súa declaración de BIC implica que o monumento conta xa co máximo grao de protección legal, á espera de que nos próximos meses se conclúa o proceso que levará á súa declaración definitiva. Fíxase un contorno de protección que se estende polas dúas beiras do Sil, desde a desembocadura do regato de Portela ata a do regato do Furado, no concello ourensán de Parada de Sil e no lugués de Sober.
A incoación vén logo do estudo por parte dos técnicos da Consellaría de toda a documentación bibliográfica e histórica recollida por este departamento nos últimos meses, e da análise dos valores artísticos, históricos e culturais do monumento. O resultado destes estudios é que a Dirección xeral de Patrimonio estima que Santa Cristina de Ribas de Sil reúne as condicións para poder obter o máximo grao de protección patrimonial.
A partir da próxima publicación no DOG desta resolución, abrirase un período de información pública dun mes no que as persoas ou entidades interesadas poden examinar o expediente na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural e interpoñer as alegacións que estimen oportunas. A Consellaría pediralle opinión sobre a declaración a tres organismos consultivos: a Universidade de Santiago, a Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario e o Consello da Cultura Galega.
Con esta resolución Santa Cristina de Ribas de Sil, incorpórase ao grupo das principais igrexas e mosteiros da Ribeira Sacra, que contan co máximo grao de protección legal, como San Miguel de Eire, San Estevo de Atán, San Fiz de Cangas, o mosteiro de Ferreira de Pantón, o mosteiro de Montederramo, San Estevo de Ribas de Sil, San Estevo de Ribas de Miño, Sa Pedro de Rocas e Santa María de Xunqueira de Espadañedo.
Templo románico do século XII
Santa Cristina de Ribas de Sil é un conxunto do século XII formado por unha igrexa románica e outras dependencias anexas, situado nunha paraxe de gran riqueza paisaxística á beira do río Sil, no souto de Meilán.
A igrexa do mosteiro, expoñente da evolución das tendencias e cambios estilísticos que se dan cita nos últimos anos do século XII e principios do século XIII, constitúe un magnífico expoñente do esplendor arquitectónico do románico galego e da importancia da labor escultórica dos mestres medievais que traballaron na súa fábrica. Presenta unha nave única, con cruceiro destacado e tres ábsidas semicirculares na cabeceira. O primitivo corpo románico da nave (probablemente destruído) foi substituído por unha nave mais estreita no primeiro terzo do século XIII, o que xustifica o cambio de estilo cara ó gótico.
A torre do campanario da igrexa conforma un elemento arquitectónico de singular interese, e resulta absolutamente excepcional nas construcións do progótico galego pola súa situación integrada na cruxía norte do claustro. No interior da igrexa existen unhas pinturas murais, datadas a mediados do século XVI.
En canto as dependencias monasteriais, estas conforman coa igrexa a típica disposición beneditina en ángulo recto, pervivindo a primitiva portada románica que hoxe serve de entrada ao claustro. Os espazos medievais do mosteiro constituídos por un claustro que comunicaba as distintas estancias comúns, desapareceron en época moderna, como parte da reforma do edificio emprendida no século XVI, tras da súa incorporación a Santo Estevo, e foron substituídos por dous funcionais corredores cubertos dispostos en ángulos sen pechar. Na dependencia anexa á igrexa, habilitada para sancristía, consérvanse pinturas murais do século XVIII, coa representación do escudo de Santo Estevo, que se suman ás do interior da igrexa, de notorio sabor popular.
As orixes do mosteiro son imprecisas. Posiblemente foi inicialmente un centro eremítico, transformándose posteriormente nun cenobio. As primeiras mencións documentais datan de finais do século X. As bases económicas do mosteiro estiveron foron a explotación de vide ou castaños e o aproveitamento dos ricos recursos fluviais. Á bonanza económica inicial seguiron séculos de decadencia, de xeito que en 1508 o mosteiro de Santa Cristina pasa a depender en calidade de priorado do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. Esta circunstancia será determinante do seu declive, que será definitivo no século XIX coa desamortización e o seu paso a ser empregado como granxa de labor.

