Vivenda amplía en 1,9 millóns de euros o orzamento para axudas á rehabilitación de edificios e vivendas illadas
Tamén se incrementa en 330.000 euros a partida destinada ás axudas para a adquisición de vivenda usada e autopromoción de vivenda
Santiago de Compostela, 6 outubro 08.- A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, amplía en 1.912.000 euros o orzamento destinado ás axudas para a rehabilitación de edificios e vivendas illadas con cargo ao exercicio 2008. Con esta ampliación da partida orzamentaria, a Consellería pasa a destinar un total de 4,5 millóns de euros a estas subvencións en materia de rehabilitación.
Esta liña de axudas está destinada á rehabilitación e recuperación de edificios e vivendas con máis de 15 anos de antigüidade, que non excedan os 120 metros cadrados e que sexan destinadas a domicilio habitual e permanente dos solicitantes das axudas. Son axudas dirixidas a comunidades de propietarios, no caso da rehabilitación de edificios, e a propietarios cuns ingresos ponderados de ata 23.475 euros anuais –3,5 veces o IPREM–, no caso da rehabilitación de vivendas.
A Consellería subvenciona o 25% do orzamento da obra cunha contía máxima de 3.100 € e, a maiores, o propietario pode beneficiarse dunha subvención do 7% do orzamento protexido para a adecuación enerxética cun límite de 200 euros por vivenda. No caso de que a axuda sexa solicitada pola comunidade de propietarios, poden acceder a un préstamos subsidiado polo importe total do orzamento protexido e cun prazo máximo de amortización de 15 anos.
Obras subvencionadas
O tipo de obras que se poden realizar ao abeiro destas axudas son: recuperación e mellora de cubertas, fachadas e carpintería exterior, instalación de fosa séptica ou depósito de auga, servizos sanitarios e cociñas, instalacións eléctrica, saneamento e fontanería, calefacción, ventilación, illamento térmico e acústico, en xeral as actuacións encamiñadas á redución do consumo enerxético. Tamén son obxecto destas axudas a axeitada distribución de espazos interiores da vivenda e outras modificacións necesarias para adaptar a vivenda ás necesidades das persoas con discapacidade e maiores de 65 anos.
3,3 M.€ para adquisición de vivenda usada
A Consellería de Vivenda e Solo tamén incrementa en 330.000 euros a partida orzamentaria destinada á adquisición de vivenda usada e a autopromoción de vivenda con cargo ao exercicio 2008. Nese sentido, o Departamento autonómico pasa a dispoñer de 3.330.00 euros para a concesión de subvencións con este fin.
Estas subvencións están destinadas a aquelas persoas que constrúan unha vivenda para uso propio ou adquiran unha vivenda usada que cumpra os requisitos de prezo e superficie, en función do concello no que se ubique. Ese adquirinte pode acceder ás mesmas axudas públicas que se comprara unha vivenda protexida, tendo en conta o seu nivel de renda e as súas circunstancias particulares.

