Medio rural inicia a tramitación dos primeiros expedientes por abandono de superficie agraria útil

 Trátase de 41 apercibimentos a propietarios de fincas en situación de grave abandono que disporán de tres meses para responsabilizarse do adecuado mantemento destes predios, antes de que sexa tramitado o expediente sancionador.

 Deste xeito, iníciase a segunda fase derivada da Lei do Banco de Terras de Galiza, que contempla que naquelas zonas que dispoñan de acordo firme de concentración parcelaria posterior ao ano 1992 ou leven máis dun ano decretadas como ZEIA, se poden poñer en marcha os mecanismos recollidos na propia Lei para esixir o mantemento da superficie agraria .

Santiago de Compostela, 14 Novembro 08.- O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, fixo hoxe público o inicio da tramitación dos 41 primeiros expedientes sancionadores por abandono de superficie agraria útil, derivado da aplicación da Lei de medidas administrativas e tributarias para a Conservación da Superficie Agraria Útil e do Banco de Terras de Galiza. O conselleiro explicou que nesta primeira fase de tramitación, os propietarios reciben un apercibimento informativo conforme dispoñen de tres meses para acadar o adecuado estado de mantemento das súas fincas rústicas, e tras ese período se tramitaría ou non –dependendo da acción levada a cabo polo propietario- o expediente sancionador.

Destes primeiros expedientes iniciados, 12 corresponden á provincia da Coruña, afectando a 6 propietarios e a unha superficie total de 91,3 hectáreas. Na provincia de Lugo, son 8 os expedientes, correspondentes a 8 propietarios, que suman 109,06 hectáreas. En Pontevedra os 13 expedientes abertos afectan a 12 propietarios e a unha superficie de 10.43 hectáreas. Por último en Ourense, son 8 os expedientes, correspondendo a 8 propietarios e a un total de 7,36 hectáreas. En cifras totais, trátase de 41 expedientes no conxunto do territorio galego, que afectan a un total de 34 propietarios e a unha superficie de 218,15 hectáreas.

Suárez Canal sinala que "todos os propietarios teñen que ser conscientes de que o patrimonio rústico debe ser coidado e mantido en bo estado"Suárez Canal afirmou estar “seguro de que estes apercibimentos terán, na maioría dos casos, o mesmo resultado que no caso da Lei de Prevención de Incendios, que ante a presión dunha sanción os propietarios prefiren limpar os seus terreos que pagar unha multa, e neste caso esperamos que resultado sexa moi similar”. Tras un ano da entrada en funcionamento do Bantegal, o conselleiro considerou superada a primeira fase de información e difusión deste novo mecanismo de mobilidade de terras, e a partir de agora iniciase unha segunda fase encamiñada “ a transmitir aos propietarios a idea de que todos debemos ser responsables de manter adecuadamente o noso patrimonio rústico”. Así mesmo, fixo fincapé en que estes apercibimentos se corresponden con fincas situadas en zonas con acordo firme de concentración parcelaria posterior ao ano 1992 ou decretadas Zona de Especial Interese Agrario (ZEIA) desde fai máis dun ano, o que supón que están situadas en lugares cun importante volume de actividade agrogandeira e de demanda de base territorial para as explotacións asentadas no entorno. Neste sentido, lembrou que ata o momento hai decretadas 21 ZEIA e que antes de que remate o ano serán decretadas 16 novas zonas, mentres que o vindeiro ano se decretarán as restantes para completar toda a superficie agraria útil do territorio galego.

O titular de Medio Rural sinalou que “todos os propietarios teñen que ser conscientes de que o patrimonio rústico debe ser coidado e mantido en bo estado de conservación; que debe facilitar o seu uso produtivo para xerar riqueza, tanto para o agricultor que o cultive como para o propio propietario a través dunha renda; e que os predios en estado de abandono non poden constituír unha serie de riscos, como propagación de incendios ou focos de enfermidades ou pragas, para as propiedades circundantes”. Lembrou que deste xeito “gañamos todos, xa que se trata de crear riqueza e emprego mediante o arrendamento de fincas agrarias abandonadas ou improdutivas”.

En canto ás sancións contempladas na Lei do Banco de Terras, varían en función da gravidade da infracción, podendo ir dos 300 aos 3.000 euros, e tamén se inclúen sancións reiteradas por lapsos de tempo que sexan suficientes para cumprir o ordenado.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]