Quintana defende en Vigo un modelo económico baseado na economía produtiva e no autogoberno

Anxo Quintann e Santi Domínguez

Vigo, 14 Novembro 08. O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, interveu en Vigo esta noite nun acto con militantes e simpatizantes, no comezo da campaña “Con máis autogoberno. Unha economía ao servizo da xente”. O seu discurso tivo por eixe fundamental a crise económica e a alternativa dos nacionalistas galegos ao modelo neoliberal. Tanto el coma Santi Domínguez, o tenente alcalde nacionalista, expresaron a súa preocupación polos despedimentos en Citroën.

Quintana destacou a importancia de substituír as políticas neoliberais, “baseadas na negación do papel reitor do público na economía” por políticas baseadas no autogoberno. Nesa liña, destacou a importancia de contar canto antes cun novo Estatuto que “reforce o papel reitor que lle corresponde á Xunta de Galiza na definición e desenvolvemento dunha estratexia económica nacional”. Así, apostou por unha política económica “con raíces na terra, definida desde a atención ás demandas e ás necesidades da nosa xente, pensando nas maiorías sociais do país”.

Quintana defendeu unha economía "con raíces na terra"Neste novo Estatuto, “Galiza debe facerse coas competencias sobre os portos para podermos desenvolver unha política portuaria integral e permitir a conexión da rede de portos co sistema viario e ferroviario”. “Asemade debe extender as súas potestades executivas sobre as aeroportos de interese xeral para intensificar a súa interconexión cos demais sistemas de comunicación e multiplicar as liñas internacionais directas”, sinalou Quintana, quen tamén reivindicou competencias exclusivas sobre o espazo radioeléctrico e sobre o dominio público marítimo-terrestre, entre outras cuestións.

Crise do modelo neoliberal

“A xustiza social non é só unha bandeira ética, é unha necesidade imperiosa para a recuperación da economía”, apuntou, sinalando que “a demanda interna non se recuperará mentres o poder de compra dos salarios non repunte”. “Os poderes públicos deben intervir na economía non só para garantir a liquidez da banca privada, senón tamén para protexer empresas e familias”, destacou.

“Esta é a crise dun modelo de desenvolvemento asentado na deshumanización dos mercados e na mercantilización da vida, na creación de economías virtuais e deslocalizadas, meramente especulativas e baseada na depredación dos recursos naturais e da dignidade das persoas sempre na procura do máximo lucro”, asegurou o portavoz nacional do BNG, quen sinalou que este modelo “non pode nin debe ser rescatado, senón ser substituído por unha economía xestionada desde o autogoberno, por unha economía social pensada para un crecemento sustentábel, o benestar e a igualdade”.

"O nacionalismo galego si cuestionou desde un primeiro momento as políticas neoliberais"Así, Quintana recordou que “as elites de Madrid, xa se chamasen conservadoras ou progresistas apoiaban sen fisuras o modelo” mais o nacionalismo galego “si o cuestionou desde un principio”. Tamén recordou que “son xustamente as nacións que practicaron políticas máis autónomas, aquelas que menos acataron as directrices das políticas neoliberais, as que agora están en mellores condicións para afrontar a crise global que sacode as economías dos países desenvolvidos”.

Santi Domínguez

O tenente alcalde de Vigo, o nacionalista Santi Domínguez, comezou o seu discurso asegurando que “estamos hoxe aquí, neste momento de crise, para reforzar o compromiso do BNG cos traballadores e traballadoras galegas e coa defensa dos nosos sectores produtivos”.

Nesa liña, puxo en valor “o noso traballo dentro do goberno galego, que vén demostrando cada día que é o nacionalismo a opción política que mellor defende os intereses da clase traballadora e dos nosos sectores produtivos, como o naval ou a automoción, tan presentes nesta cidade”.

Así mesmo, destacou a labor que o BNG de Vigo está a facer no goberno municipal da cidade olívica, “traballando para aumentar o emprego en distintos sectores e promovendo a cidade no exterior para aumentar o noso sector turístico”. Domínguez salientou a aposta polos servizos sociais; “que é imprescindíbel reforzar para evitar as peores consecuencias da crise, que e a caída de moitas persoas en situacións de exclusión social”.

fresqui  delicious  digg  technorati  yahoo  meneame  chuza 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]